Neda inspírase na creatividade dos máis novos para combater o desánimo do confinamento

O Concello impulsa unha iniciativa para que os pequenos da casa manden algún debuxo, vídeo, canción ou calquera obra que dea ánimos á veciñánza

Combater a soídade e o desánimo que pode provocar o confinamento forzado polo coronavirus é o obxectivo principal do novo proxecto que impulsa o Concello de Neda e que terá, nos máis novos da casa, aos seus principais aliados. O showman, cantante, actor, DJ e artista local Dani Ríos apadriña esta iniciativa e convida a nenos e rapaces a convertila nun éxito coas súas ferramentas máis eficaces: o seu talento e creatividade.

As armas contra o coronavirus son múltiples e variadas: debuxos, mensaxes de ánimo grabados co móbil, coreografías, lecturas de contos, narracións, cancións. Todo é válido para tentar dar un pouco de alegría nestes momentos a toda a veciñanza.

O Concello pide aos máis pequenos e pequenas que lle fagan chegar as súas creacións contra o coronavirus a través do correo electrónico (nedacoconcellocomunicacion@gmail.com), do Whatsapp (619 736 620) ou que etiqueten ao Concello en Facebook (@nedaoficial). Deste xeito, o Concello compartirá todas as mensaxes recibidas nas súas redes sociais.

Salir de la versión móvil