Concello de Neda vén de licitar as obras de pavimentación de varias vías municipais que, por mor do tráfico que soportan e máis do paso do tempo, se atopan en malas condicións. As tarefas de acondicionamento, que serán sufragadas con fondos propios, contan cun orzamento de 70.460 euros. Os traballos centraranse nunha pista da zona do Roxal e noutras dúas de menor extensión situadas tamén na parroquia de Anca.
Así, detallan desde o Concello que se acometerá a mellora da capa de rodadura e o pintado lateral do camiño de Carballal -este nun tramo central de gran pendente, que se atopa en moi mal estado- e o dos Foxos, así como o do acceso á pista polideportiva de Anca. Os tres treitos nos que se intervirá están pavimentados actualmente por medio de regos asfálticos, e presentan un estado de conservación deficiente.
Como solución, tras a roza das marxes, a limpeza de cunetas, e o rebacheo dos puntos máis deteriorados, procederase ao aglomerado asfáltico en quente destes camiños. Unha alternativa que conleva un investimento maior, pero que é moito máis duradeira no tempo, contribuíndo así a diminuír os gastos de mantemento.
Os traballos programados polo goberno local contribuirán a optimizar a seguridade de condutores e peóns que, a diario, utilizan eses camiños da parroquia, e atenden ás reivindicacións veciñais. Nesta liña, avanza o alcalde, Ángel Alvariño, que proximamente o Concello licitará novas actuacións de melloras de rede municipal de camiños, unha vez recibidas autorizacións supramunicipais que estaban pendentes.
Discussion about this post