OConcello de Neda informou de que, a partir do vindeiro luns 1 de xuño, reanudaranse os prazos de matriculación na Escola Infantil Municipal Os Pelegríns.
Deste xeito, as familias con nenos matriculados no presente curso no centro poderán formalizala do 1 ao 16 de xuño e os nenos de novo ingreso, do 17 de xuño ao 16 de xullo. Iso si, sen perxuízo da posibilidade de matricularse durante o resto do ano en tanto en canto non se cubran todas as prazas dispoñibles.
Así mesmo, os trámites deben realizarse na casa consistorial ou vía telemática. O modelo de solicitude de praza, así como o impreso para acollerse á liña de subvencións municipais para axudar a costear o servizo pode descargarse da web municipal (debe achegarse DNI, libro de familia e certificado de empadronamento e, no caso de optar ás axudas, copia da última declaración da renda da persoa solicitante).
A Escola Infantil Municipal Os Pelegríns conta con 41 prazas para nenas e nenos de 0 a 3 anos. Situada na zona do Empedrón, dispón de 3 aulas -de 0 a 1 ano, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos-, zona de comedor, aseos e espazos de xogo. Coa súa posta en marcha o Concello de Neda facilitaba un servizo de conciliación da vida laboral e o coidado dos fillos para as familias do municipio, ao tempo que busca atraer e fixar poboación no municipio.