Eliminar os verquidos á ría de Ferrol na zona da estación de ferrocarril de Neda é o obxectivo último das obras que está a executar o Concello coa colaboración económica da Deputación provincial da Coruña. Ambas administracións invisten unha partida de 100.000 euros, vía convenio, dos que o Concello aporta 20.000, minimizando o impacto económico desta intervención nas arcas municipais.
As obras, que finalizarán nas próximas semanas, contemplan tres actuacións, complementarias pero independentes que, no seu conxunto, ofrecerán unha solución integral á problemática. Por unha parte vaise a construir unha rede separativa de augas pluviais e fecais na rúa Regueiro e anexas; tamén vanse reparar as canalizacións de saneamento na intersección da Avenida de Alxeciras coa rúa Regueiro e, finalmente, levarase a cabo o acondicionamento do paso superior sobre a liña do ferrocarril á altura do Pazo da Merced.
Dende o Concello aseguran que se trata dunha “solución económica e duradeira, encamiñada a erradicar os verquidos localizados nesta área, que non afectará a un posible futuro crecemento da densidade de poboación na zona”
Cal é o problema?
O Concello de Neda, toda vez que é o único concello das marxes da ría de Ferrol que tiña en funcionamento unha estación depuradora de augas residuais, quedou fóra das actuacións de captación e depuración de augas residuais das marxes norte e sur da ría que resolven o saneamento do resto dos concellos da ría. Esta situación obriga a que sexa a propia Administración local a responsable da súa xestión, e, conseguintemente, do seu mantemento.
Reiteradas inspeccións efectuadas teñen detectado diversas disfuncións na rede de saneamento do Concello, e máis concretamente, nos colectores que, procedentes da zona do Puntal de Abaixo e da zona do Regueiro, conflúen nas inmediacións do viaduto da AP-9 previo ao seu bombeo cara a EDAR. Así, por unha banda, tense detectado que o colector que provén do Puntal de Abaixo e percorre a marxe oeste do trazado do ferrocarril ao seu paso polo concello está a desbordar por mor dun atasco nun punto no que o seu mantemento é imposible. Isto orixina o desbordamento dun dos pozos e a invasión do efluente cara o balasto que sustenta as vías. Unha situación que derivou en reiterados requirimentos por parte do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias para solucionar o problema.
Doutra banda, as inspeccións realizadas teñen detectado un exceso de caudal, na súa meirande parte por infiltración de augas limpas, procedente do colector da zona do Regueiro no seu trazado cara o bombeo de residuais da zona da Estación. Isto provoca que a referida estación de bombeo esté aliviando de xeito case continuo o exceso de caudal cara a ría, e por outra, que o caudal bombeado cara a EDAR presente un grao de dilución de contaminantes orgánicos que dificulta os procesos químicos que se teñen que producir na mesma.
Discussion about this post