O Concello de Neda retoma as obras de aglomerado de viais en Casadelos

O orzamento, cofinanciado con fondos propios e do POS+ da Deputación, ascende a 34.000 euros.

O Concello de Neda vén de retomar as obras de pavimentación de tres viais en Casadelos, interrompidas polas restriccións impostas polo estado de alarma decretado a raíz do COVID-19. As obras contan cun orzamento de 34.283 euros e cofináncianse con fondos do Plan de Obras e Servizos-POS+ 2019 e municipais.

Así, os traballos de aglomerado realízanse no camiño Victorino Novo ata o cruce con A Bacela e no Camiño Vello dende o cruce de A Bacela ata o cruce da Forxá. Tamén no vial anexo ao camiño Victorino Novo, co mesmo nome que este, onde se renovou recentemente a rede de saneamento. “Avanzan a bo ritmo e a previsión é rematalas nas vindeiras xornadas, tras completar os traballos nos accesos ás vivendas”, explicaron desde o goberno local.

 

Salir de la versión móvil