O 5 de outubro péchase o prazo para participar no Consello Sectorial de Benestar Social do Concello de Ferrol

O principal fin é promocionar as políticas e as entidades sociais municipais, potenciando a inclusión e a calidade de vida dos colectivos vulnerables

O prazo para presentar solicitudes para participar no Consello Sectorial de Benestar Social do Concello de Ferrol rematará o próximo 5 de outubro, tal e como lembrou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, co fin de que as entidades que quedaron fóra na primeira convocatoria poidan aínda inscribirse no novo organismo.

O principal fin que se persegue é a promoción das políticas sociais municipais e das asociacións vencelladas co benestar social, potenciando a maiores a inclusión social e a calidade de vida dos colectivos en situación de vulnerabilidade, risco de exclusión ou exclusión social da cidade mediante a participación activa dos seus representantes e particulares.

Optimización de recursos

A edil explicou que o novo organismo tamén “promoverá o asociacionismo vencellado coa política social e a  coordinación entre entidades, elaborará propostas e potenciará a realización de estudos de investigación sobre a situación social de Ferrol, co fin de valorar e optimizar as actividades e recursos da concellería de Benestar Social e das entidades que integran o novo consello”.

En definitiva, explicou a edil, o Concello busca coa creación do primeiro Consello Sectorial de Benestar Social de Ferrol “promover e aumentar a participación cidadá e escoitar ás entidades sociais da cidade e mellorar a xestión nesta materia”.

Salir de la versión móvil