Dentro de dous días, o vindeiro mércores 2 de setembro, o primeiro dos dous buques de guerra «HMAS Supply» executados nas instalacións de Navantia Ferrol comezará a súa travesía marítima ata chegar ao seu punto de destino, Australia.
Dende a empresa naval quixeron destacar que a despedida do buque será un «acto de traballo» e non unha ceremonia debido ás actuais circunstancias sanitarias. Aínda así, algún representante da embaixada australiana estará presente no acto de despedida.
Todo a punto nas probas de mar realizadas en agosto
Na primeira semana de agosto tiveron lugar as esperadas probas de mar que lle daban luz verde á creación do primeiro AOR «HMAS Supply» que abandona o estaleiro ferrolán rumbo a Australia. As probas realizadas na Ría de Ferrol duraron un total de tres días.
Tal e como indican dende Navantia, o buque zarpará este mércores para pasar a formar parte da Royal Australian Navy coa maior parte das súas instalacións a punto. Os motores principais, os diesel xeradores, reductoras ou o sistema integrado de control de plataforma levouse a cabo en Ferrol, aínda que a empresa naval tivo que axustarse a algúns requisitos impostos polos australianos, xa que o buque tense que adaptar aos estándares empregados por eles.
Segundo AOR «HMAS Stalwart»
O segundo buque realizado para á Marina australiana fora botado ao mar o mes de agosto do ano anterior, polo que tense previsto facer as respectivas probas de mar antes de que remate este ano. Finalmente e se todo segue as previsións realizadas, o segundo buque partiría para a súa entrega no vindeiro ano 2021.