O alcalde de Ferrol esixe ante o Eixo Atlántico un maior protagonismo de Navantia na eólica mariña

Ángel Mato expuxo no encontro a relevancia dunha transición ecolóxica para o sector naval, solicitando a creación dun centro tecnolóxico da enerxía do mar
2020_09_17EixoAtlantico02

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, defendeu esta mañá en Pontevedra as posibilidades que ofrece a transición ecolóxica para contribuír á recuperación económica tras a crise xerada pola Covid-19. Foi no marco da conferencia de alcaldes do Eixo Atlántico celebrada no Teatro Principal desa cidade para abordar propostas de futuro contra os efectos da pandemia.

Nela tomaron parte unha trintena de rexedores galegos e portugueses, ademais de unha extensa nómina de expertos de eidos como a economía, o emprego, a investigación, a innovación, a sustentabilidade medioambiental ou a mobilidade.

A transición ecolóxica como motor económico en Ferrol

Mato compartiu cos participantes neste foro diferentes propostas para o investimento dos fondos que Europa e os estados van destinar á reconstrución. No caso de Ferrol, destacou que a cidade ten que aproveitar as posibilidades da transición ecolóxica para o desenvolvemento económico, a creación de emprego e a recuperación de talento para o país.

Así, explicou que pode e debe apostar polas enerxías limpas, en concreto pola eólica mariña e terrestre, tamén coma unha  oportunidade de diversificación industrial para o seu estaleiro, no que, a maiores, se debe desenvolver a  tecnoloxía 4.0, ademais de dotalo dun dique cuberto e aproveitalo para encargos civís, con especial atención á construción de turbinas para parques eólicos e plantas de biomasa.

Navantia como eido central

Baixo o seu punto de vista, Navantia debe ser unha empresa tractora para a dixitalización e implantación das tecnoloxías 4.0 noutras compañías medianas e pequenas, e tamén concentrar o impulso da industria da defensa. Para o alcalde, reunir no seu territorio o Campus Industrial, o Centro de innovación e Servizos e un destacado tecido empresarial liderado pola presenza de Navantia fai que Ferrol conte cun moi bo posicionamento de partida.

Creación dun centro tecnolóxico da enerxía do mar

O rexedor local insistiu na creación dun centro tecnolóxico da enerxía do mar, dedicado a impulsar proxectos de nova xeración para a eólica mariña, a xeración undimotriz, a experimentación e a investigación no desenvolvemento da modernización da industria da enerxía limpa e á reconversión da industria naval, no que deberan estar vinculados o Ministerio de Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia, as universidades galegas, Navantia, empresas do sector da enerxía e o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, tamén con sede en Ferrol.

Experiencia na industria da defensa

Por outra banda, expuxo as grandes posibilidades que presenta Ferrol no ámbito da industria da defensa, non só pola súa situación xeográfica privilexiada, senón pola súa capacidade e experiencia na construción naval e a súa proximidade con outras empresas clave do sector, polo que a cidade se debe posicionar como un enclave importante dentro deste sector.

Finalmente, Ángel Mato defendeu que é o momento de darlles prioridade ás comunicacións pendentes, como son as tres conexións ferroviarias que necesita a cidade -co eixo atlántico ata Oporto, coa Coruña e con Ribadeo- e a vía de alta capacidade pola costa co Ortegal e A Mariña ata a autovía A-8.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.