A actuación que o pianista británico James Rhodes tiña prevista para o 19 de setembro no Auditorio de Ferrol aprázase para o 10 de abril do próximo ano. Todos aqueles espectadores que xa tiñan adquiridas as entradas poderán seguir asistindo á nova cita sen necesidade de efectuar ningún cambio.
Abriranse as portas ás 20.30 horas, e tras media hora para que todos os asistentes poidan tomar asento comezará o espectáculo do coñecido pianista.
Devolución de entradas
Todas as persoas que as adquiriron os seus pases a través de Ataquilla.com recibirán un correo electrónico cos pasos a seguir no caso de que desexen devolvelos, sempre antes do 24 de setembro. Polo contrario, as entradas mercadas no despacho de billetes do Teatro Jofre poden devolverse aí mesmo de martes a venres de 11.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas, tamén antes do 24 deste mes.
Un repaso pola obra de Beethoven
Ferrol é unha das cidades que elixiu o músico británico, afincado en Madrid desde 2017, para conmemorar os 250 anos do nacemento de Ludwig van Beethoven. Rhodes interpretará nun concerto de 90 minutos tres obras do músico alemán, as sonatas Pastoral, Waldstein e a nº 27 Op. 90 en mi menor. Farao co seu particular estilo, co toque persoal que pon en cada unha das súas actuacións coa intención de desfacer o halo de solemnidade que envolve á música clásica e achegala ao gran público.