O Universitario Ferrol ten por delante unha nova etapa á que afrontarse trala asemblea extraordinaria que se celebrou a tarde de onte 18 de setembro, onde tras a correspondente elección escolleuse unha nova directiva para o próximos catro anos.
Despois de que o fundador do club e presidente nos últimos anos, Leopoldo Ibáñez, decidise deixar o cargo, abriuse un período electoral no que se creou unha única candidatura. A metade desta nova directiva está formada por integrantes que xa formaban parte do club, mentres que a outra metade son novos.
Nomes da novo equipo directivo
Despois de barallar distintas opcións, determinouse que o novo presidente do club sexa Santi Rey, que estará acompañado na súa xunta por Manu Caínzos, como secretario, Roberto Vizoso, de tesoureiro e como vogais Manoli Saavedra, Marcelino Fernández, Raquel López, Emilio López, Paula Fernández, Kiko Pereira, Almudena Marcos, Mario Martínez e Edu Hermida.
O novo equipo directivo ponse a traballar xa para tratar de facer un club máis forte, nun ano no que terán que facer un traballo extra por todos os protocolos que hai que cumprir tanto co primeiro equipo como coas categorías de base debido ao coronavirus.
«Espérase facer un club máis participativo e aberto a toda a comarca e tratar de mellorar en moitos aspectos para fortalecerse de fronte ao futuro, coa vista posta en que o primeiro equipo poida dar o salto á máxima categoría do baloncesto nacional», afirman dende a nova directiva.
Na asemblea agradeceuse o gran traballo realizado en todos estes anos por Leopoldo Ibáñez, fundador do club e un dos artífices de que haxa baloncesto feminino de nivel na cidade.