O BNG insta á Xunta a responsabilizarse polo continuo abandono animal observado en Mugardos

Esta iniciativa levada ao Parlamento Galego quere rematar coa tráxica situación vivida nunha finca da localidade, denunciada hai escasos días por INDICAN

Os deputados do BNG, Ramón Fernández Alfonzo e Xosé Luis Rivas Cruz, rexistraron unha iniciativa no Parlamento Galego ao respecto da difícil situación que se está a vivir nunha finca do concello de Mugardos, motivada polo abandono constantes de varios animais na zona.

TRAGSA como principal responsable da súa manutención

A iniciativa prodúcese logo de que diversos particulares e entidades -como a principal asociación reivindicadora INDICAN- denunciase o abandono das res por parte do seu propietario no respecto aos coidados mínimos esixíbeis e tamén á manutención. Esta deixadez que leva sendo unha constante dende moitos anos provocou que varios membros da asociación tiveran que facerse cargo durante sucesivos días dos animais, o que conlevou á morte última dun touro na localidade mugardesa.

Logo de reiteradas denuncias -tramitadas perante o Concello, Garda Civil e Xunta- a empresa TRAGSA asumiría en teoría a manutención, hidratación e custodia dos animais, polo que INDICAN xa se desvinculaba do seu coidado. Porén, esa axuda nunca chegou nas condicións que o tiña que facer, provocando o falecemento deste último touro.

“A custodia encomentada pola Xunta á empresa TRAGSA non está a ser efectiva e, lonxe de correxirse, agrávase, como demostra o falecemento dun dos animais hai días ou mesmo a desaparición doutras reses, das que descoñecemos destino”, exclamaba o deputado Ramón Fernández.

Desvinculación total da Xunta

Ao respecto da actuación da Xunta, Fernández expresou a súa sorpresa e preocupación “pola resposta que hai uns días trasladou a Xunta aos medios de comunicación, minimizando dun xeito realmente insólito a situación dos animais, evidenciando que ou ben descoñece a realidade ou, simplemente, que trata de ocultala”.

Refírese o deputado do BNG a que a Consellaría do Medio Rural afirmase hai agora unha semana que non existe risco algún para os animais e que,logo do informe elaborado pola empresa TRAGSA, seica deciden nen abrir expediente nen incautar as reses. “Afirmar iso, cando existen probas gráficas do deterioro dos animais, da falla de alimentación e coidados mínimos; e logo de que morrera unha das reses, é unha auténtica temeridade”, finalizaba o deputado.

Salir de la versión móvil