O Campus Industrial de Ferrol crea un Comité asesor con expertos do sector empresarial

O obxectivo deste Comité é intentar posicionar o Campus de Ferrol como un dos referentes en Galicia

O Campus Industrial de Ferrol constituíu hoxe 9 de xullo o Comité empresarial e institucional con representación de expertos do sector empresarial así como de diversas institucións. Na reunión participaron o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o exdirector de Navantia, Manuel Ángel Recamán; o director da Autoridade Portuaria, Alejandro Rey; o presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril; o director Técnico de Ártabro Tech, Alejandro Casteleiro; e a directora de Innovación Tecnolóxica do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, Ana María Paúl.

Este comité empresarial e institucional ten como función asesorar ao Campus Industrial desde un punto de vista profesional e externo á UDC para que o campus poida acadar os seus obxectivos. “O Campus Industrial é unha aposta estratéxica da Universidade da Coruña para crear unha especialización que axude a artellar e dinamizar a economía, non só da comarca de Ferrol senón a un nivel autonómico e estatal”, definiu a vicerreitora do Campus.

Para o director do Campus Industrial a creación deste comité asesor externo permitirá engadir valor ás actividades propostas para conseguir o obxectivo de posicionarse como o campus de especialización universitario de referencia de Galicia no ámbito do ‘human-centered smart industry’ cunha especial orientación aos sectores industriais tractores galegos.

O Campus de Ferrol ten unha especial relación coa industria polas titulacións técnicas que ofrece e polas relacións de transferencia de coñecemento con este sector. Isto levou a que se especializase como Campus Industrial para contribuír ao desenvolvemento da industria intelixente e á fabricación avanzada nos sectores industriais estratéxicos galegos, entre eles o naval, o enerxético e o téxtil. A acción do Campus Industrial céntrase en cinco liñas ligadas aos piares fundamentais da fábrica do futuro: a robótica -aplicada á industria-, os materiais -fabricación aditiva e materiais intelixentes-, os procesos e a loxística -optimización de procesos industriais e loxística- o produto -deseño industrial e desenvolvemento de produtos- e a xestión industrial -xestión da información, talento humano e riscos na fábrica do futuro-.

O Campus Industrial de Ferrol, ademais deste Comité empresarial e institucional constituirá en próximas datas un Comité científico, con expertos alleos á UDC, dentro dunha nova estrutura de gobernanza máis participativa e colaborativa para que se acade a misión deste campus de especialización que non é outra que potenciar a docencia, investigación, desenvolvemento tecnolóxico e a transferencia de coñecemento nos ámbitos da industria intelixente e a fabricación avanzada.

Salir de la versión móvil