A comunidade educativa do CEIP San Isidro de Neda realizou esta mañá un acto reivindicativo nas aulas para demandar á Consellería de Educación que cubra a praza vacante cun mestre/a en 3º de Educación Primaria. Esta praza -contemplada no catálogo de postos do centro- evitaría unificar as aulas de 2º e 3º tal e como vén imposto dende a administración educativa.
Incumprimento das medidas de seguridade
Con esa decisión de Educación, os nenos e nenas desta aula non cumpren as distancias de seguridade establecidas como medida de prevención fronte á Covid-19. Así o constataron hoxe pais, nais, docentes e concelleiros do goberno municipal, que se uniron ao acto celebrado esta mañá.
Cada un deles ocupou un pupitre, amosando ás claras o escaso marxe entre as mesas. Un problema que pode ter grandes repercusións no centro educativo e máis alo, pero que pola contra ten unha fácil solución.
1 docente máis como solución
A incorporación do/a mestre/a que lle corresponde ao centro por ratio sería o necesario para evitar a xuntanza de ambas aulas, o que evitaría que o espazo supoñera un problema, algo que ten pouco sentido ao quedar unha das aulas completamente baleira. A maiores, dende a comunidade educativa non se entende esa unificación porque ademáis de agrupar diferentes cursos e idades, estase a agrupar dous niveis diferentes.
Así, a carga horaria das diferentes materias non coincide. Ademais, a comunidade educativa solicita un docente de apoio, xa que a incorporación dun novo alumno con necesidades especiais nesa aula unificada obriga a unha atención permanente que agora deberá asumir o centro co persoal existente, e que non é suficiente. A comunidade educativa do CEIP xa trasladou a situación á Xefatura Territorial e continuará reiterando os seus escritos.