O Concello de Narón colaborará nunha campaña de solicitude e entrega de xoguetes de Nadal organizada pola asociación Centro de Recursos Solidarios e destinada ás familias con escasos recursos. As concelleiras de Benestar Social, Catalina García, e Ensino, Mercedes Taibo, presentaron hoxe a iniciativa xunto ao edil de Deportes, José Oreona e o representante da citada asociación, José Manuel González.
As persoas que poidan colaborar nesta campaña mercando xoguetes para doar ou facendo unha aportación económica co mesmo fin poden facelo dende hoxe ata o 18 de decembro nas xogueterías Din y Don (Xuvia); a do Hiper Froiz (Alto do Castiñeiro); O Muíño do Fabal (A Gándara) e Todo Ocio Lego (A Gándara) nos seus horarios habituais de apertura.
O representante do Centro de Recursos Solidarios de Narón incidiu en que “non se recollerán xoguetes usados este ano debido á situación sanitaria, xa que non podemos garantir a súa hixienización para a posterior entrega ás familias”.
As familias destinatarias desta campaña dispoñen de prazo tamén dende hoxe ata o 18 de decembro (incluído) para presentar no Rexistro Xeral do Concello unha solicitude adxuntando a documentación precisa para a entrega (fotocopia do DNI da persoa solicitante e da que recollerá os xoguetes, no caso de non ser a mesma; do libro de familia do menor e xustificación das prestacións recibidas, se non figura o expediente no Servizo Sociocomuntiario).
Na citada solicitude, tal e como indicou González, hai un apartado no que os menores poderán indicar a súa preferencia sobre o xoguete a recibir, que na medida do posible se tentará atender dende o Centro de Recursos Solidarios, que se encargará de recoller e repartir os xoguetes e, a maiores, realizará unha compra nas tendas que colaboran nesta campaña cunha aportación propia e coas achegas recollidas nos propios establecementos, debido a que haberá unha urna para donativos.
A entrega, tal e como avanzou a edil de Benestar Social, levarase a cabo os días 4 e 5 de xaneiro entre as 16.30 e as 20.30 horas nas instalacións do Centro de Recursos Solidarios (na Gándara, no número 115 da avenida do Mar -xunto ao Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz) e requerirase previamente o DNI e impreso de derivación do Servizo Sociocomunitario.
Dende o Concello remitirase información desta campaña tanto aos colexios e Ampas da cidade como aos clubs deportivos, co fin de animar á xente que poida facelo a colaborar na mesma. Así mesmo, os edís naroneses realizaron un chamamento á cidadanía en xeral para colaborar, na medida do posible, “para que ningunha nena ou neno da nosa cidade quede sen un xoguete o día de Reis”.
A concelleira de Ensino apuntou tamén que en breve se presentará unha nova iniciativa de recollida de libros na Biblioteca municipal para proceder a entregalos tamén a rapazas e rapaces de familias con escasos recursos.
As persoas que desexen recibir máis información poden contactar coa asociación a través do correo: [email protected] ou chamando aos números de teléfono 634 555 663 ou 881 308 349 ou no Servizo Sociocomunitario Municipal, no 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).
O representante do Centro de Recursos Solidarios agradeceu a colaboración do Concello e, ao igual que os edís do grupo de goberno, a implicación dos establecementos que se sumaron a esta campaña.