O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz de Narón acollerá un novo curso sobre prevención de riscos laborais

O próximo luns 27 de xullo abrirase o prazo de inscrición para este curso enfocado no sector naval e cun límite de ata 16 prazas
106618625_3198892200148973_2315033989815758359_n

O Concello de Narón abrirá o vindeiro luns 27 de xullo o prazo de inscrición nun curso de «Prevención de Riscos Laborais e Medio Ambiente no sector Naval», o cal impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz situado na Gándara.

A concelleira de Formación, Natalia Hermida, anunciou que haberá un total de 16 prazas destinadas a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón que non deben ter concedido outro curso do Programa Municipal de Formación que coincida temporalmente co mencionado.

O curso celebrarase do 10 ao 13 de agosto entre as 15.30 e as 19.30 horas de luns a venres e, segundo as previsións, terá unha duración total de 16 horas das que oito serán de Prevención de Riscos Laborais na especialidade Naval e as oito restantes de Medio Ambiente Naval.

Conceptos básicos sobre Seguridade e Saúde laboral,  riscos de seguridade ligados á área e ao ambiente de traballo, equipos de protección persoal, almacenamento de substancias ou segregación de residuos e actuacións ante derrames incidentais son algúns dos contidos que se acometerán nesta convocatoria, tal e como figura no programa.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo dende o luns 27 ás 8.30 horas ata o 3 de agosto ás 13.00 horas. As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello, debendo entregarse no primeiro andar do mesmo, na Sede Electrónica e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

A selección do alumnado realizarase seguindo a orde de inscrición no Rexistro e a listaxe provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello, onde tamén sairá a listaxe definitiva.

Aquelas persoas interesadas en recibir máis información poden consultar o enlace: http://www.naron.es/web/docs/Convocatoria-PRL-e-MA-Naval-2020.pdf ou contactar co Servizo Sociocomunitario, no teléfono 981 337 700 -extensións 1108 e 1109-.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.