O Concello de Narón adheriuse á campaña “Só hai unha forma de mirala, DE FRONTE á violencia de xénero” impulsada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e a través da que se celebrarán varios actos con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, avanzou que nos vindeiros días o goberno local presentará as propostas que se levarán a cabo este ano na cidade con motivo do 25-N, condicionadas pola actual situación sanitaria.
Gómez manifestou o compromiso do Concello naronés para sensibilizar á cidadanía contra a violencia de xénero e de continuar programando diferentes iniciativas con varios colectivos –escolares, maiores…- encamiñadas a erradicar esta lacra social. Na web defronte.gal pódese seguir a campaña e adherirse a ela, así como na web e nas redes de Facebook, You tube e Twitter da Deputación da Coruña.
Un concurso en redes sociais para compartir textos poéticos, conferencias online abertas, unha acción colectiva de origami en redes sociais e contacontos, tamén en aberto, forman parte desa programación deseñada pola administración provincial.