O Concello de Cedeira pretende substituír as actuais lámpadas do centro urbano

Prepárase un orzamento de máis de 65.000 euros para cambiar as actuais lámpadas de vapor de sodio por unhas de tecnoloxía LED

O goberno de Cedeira licita as obras que levarán a tecnoloxía LED a practicamente todo o centro urbano da vila. Con cargo a un orzamento conxunto de 65.855,53 euros o Concello abre o prazo de presentación de ofertas para a substitución dun total de 190 lámpadas de vapor de sodio, das que máis da metade corresponden ao proxecto que se executará na avenida de Castelao.

Esta intervención, cuxo investimento supera os 45.000 euros dará lugar á retirada dun total de 97 lámpadas VSAP de 50 e 85 W para a posterior instalación de 47 bombillas LED de 27 W de potencia e 54 de 74W. O prazo de execución da obra é de tres meses e coa súa realización garántese un alto grao de eficiencia na instalación existente, ao tempo que reduce a contaminación lumínica, os gastos de mantemento e o consumo eléctrico.

A segunda actuación desenvolverase nas rúas Nosa Señora do Mar, Regueiro, Salinas, Hórreo, Somozas, Silva, Gaias da Area e López Cerdón a río da Veiga, así como na travesía da Silva e na avenida Zumalacárregui. Serán un total de 91 lámpadas de tecnoloxía LED as que saen a contratación por un importe superior aos 20.000 euros. Neste caso, o prazo de execución é de dous meses.

Nel faise constar que o maior número de lámpadas, cun total de 26, estarán operativas antes de final de ano no tramo comprendido entre a rúa López Cerdón e a zona do río de Veiga, mentres que nas rúas Gaias de Area, Silva, Nosa Señora do Mar e avenida Zumalacárregui serán substituídas 14, 13, 12 e 10, respectivamente. As 16 restantes instalaranse na rúas Regueiro (9), Salinas (3), Hórreo (1) e Somozas (1). Á travesía da Silva corresponderanlle dúas. En total serán 26 lámpadas de 57 W, 12 de 35 e 53 de 58W.

En breve, estes traballos de substitución de lámpadas de vapor de sodio por bombillas LED terán continuidade na zona rural, na que está previsto distribuír máis de 900 unidades. O prazo para a presentación de ofertas das obras no centro urbano da vila rematará o día 21 do presente mes.

Salir de la versión móvil