O Concello de Ferrol creará a primeira comisión para a prevención de enfermidades cardiovasculares de Galicia

O edil, Germán Costoya, e o presidente de Amicor, Carlos Piñeiro, anunciaban o novo organismo encargado de concienciar á cidade sobre as enfermidades cardiovasculares

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Sanidade dirixida por Germán Costoya, vai constituír a primeira comisión para a prevención de enfermidades cardiovasculares de Galicia. Así o anunciou esta mañá o edil durante a presentación do novo organismo, na que estivo acompañado polo presidente da Asociación de Amigos do Corazón -Amicor-, Carlos Piñeiro.

Costoya explicou que con motivo da celebración o próximo martes, 29 de setembro, do Día Mundial do Corazón, terá lugar no pazo municipal a primeira reunión da nova comisión, na que estará representado ademais do goberno local e os grupos municipais da oposición que o desexen, o departamento de Cardioloxía do CHUF, a través da súa xefa de servizo, Raquel Marzoa, Amicor, e os servizos municipais de emerxencias -Policía Local, Bombeiros e Protección Civil-.

Obxectivos da comisión

O obxectivo do novo organismo, o primeiro en Galicia, é concienciar á poboación sobre as enfermidades cardiovasculares, os factores de risco e tamén incidir na importancia que ten coidar do noso corazón, posto que esta é a primeria causa de morte mundial.

Ferrol, cidade cardioprotexida

O concelleiro Germán Costoya indicou que outro dos obxectivos da nova comisión será traballar de forma conxunta para avanzar na inclusión de Ferrol na rede de cidades cardioprotexidas converténdoa nun espazo seguro. “Desde o Concello apostamos pola instalación en espazos públicos de equipos para aplicar desfibrilación de emerxencia”, afirmaba o edil.

Do mesmo xeito, a través da nova comisión poñeranse en marcha obradoiros de formación para o persoal dos servizos municipais de emerxencias, posto que en moitos casos son eles os primeiros en acudir cando se producen este tipo de situacións.

A fachada do teatro Jofre, de cor vermella

Tamén con motivo da celebración o próximo martes do Día Mundial do Corazón, desde as 09.00 horas de hoxe e ata o martes, iluminarase de cor vermella a fachada do teatro Jofre, na que loce desde esta mañá unha pancarta co lema “Ferrol, usa o corazón”.

Ao acto de acendemento acudirá o alcalde, Ángel Mato, Costoya, Piñeiro, Marzoa e membros da corporación municipal. É, dixo o edil, “un xesto máis do noso desexo de trasladar aos ferroláns a importancia de manter a raia os factores de risco”.

Pacientes agora aínda máis vulnerables

Piñeiro tamén apuntou que en tempos de coronavirus, os pacientes con enfermidades cardiovsaculares son agora máis vulnerables, posto que se enfrontan a unha dobre ameaza. No só están expostos a un maior risco de desenvolver formas máis graves da Covid-19, senón que tamén é posible que descoiden a atención médica que require o seu corazón por temor a acudir a un centro no que se poda producir un contaxio.

Salir de la versión móvil