O Concello de Ferrol creará unha zona verde e ampliará o carril bici tras o remate do tanque de tormentas da Malata

Estas reformas permitirán mellorar a paisaxe e a circulación do paseo marítimo ademais de contribuir ao saneamento da enseada

A zona onde Augas de Galicia está construíndo o tanque e tormentas da Malata, no punto do paseo máis próximo a FIMO vaise converter tras o remate das obras nunha área axardinada. Sobre esta infraestrutura subterránea que formará parte do saneamento da enseada haberá unha capa de céspede para manter o espazo verde da zona.

O concelleiro de Urbanismo mantivo en días pasados unha reunión cos responsables dos traballos durante a que trataron esta cuestión. O edil achegouse á Malata para comprobar o avance dunha actuación que implicará diversos cambios na fisionomía do paseo.

En canto ao borde do tanque de tormentas que mira á enseada vaise aproveitar o desnivel do formigón para crear un gran banco dende o que poder contemplar o mar. Dende a administración local tamen pretenden crear un paso axeitado dende o aparcamento existente ata o paseo para que se poida evitar atravesar a nova zona verde. Desta forma, as persoas con mobilidade reducida poderán pasar con maior facilidade.

Por outra banda, no tramo do paseo situado entre o parque biosaudable e a entrada ao porto vanse renovar tanto a zona peonil coma o carril bici. Debido a esa reposición, abriuse a posibilidade de modificar o ancho da vía dedicada ao paso de bicicletas, polo que se decidiu incrementala dos 3 metros actuais a 3,80. Suporá un significativo aumento que facilitará a circulación e que implicará un primeiro paso para mellorar este carril no resto do paseo.

Tanque de tormentas da Cabana

Na estrutura de saneamento localizada na Cabana tamén se van acometer varias melloras a maiores das anunciadas. Ademais da recuperación da zona verde e a plantación de varias árbores, o pavimento do tramo da rúa do Pintor Ricardo Pena máis próximo ao tanque vai ser reposto por completo e non parcialmente como estaba contemplado nun principio.

 

Salir de la versión móvil