O Concello de Ferrol vai intensificar a partir desta semana os labores de limpeza na cidade debido ao gran crecemento que o número de casos activos pola Covid-19 está a experimentar. Está previsto que nos próximos días se duplique o número de baldeos que se levan a cabo nos espazos públicos e se retomen as tarefas especiais de desinfección.
Destas últimas vaise encargar unha brigada dos servizos de limpeza, que complementará o traballo que xa iniciaron os bombeiros a semana pasada. Os lugares aos que se vai prestar especial atención son os de maior afluencia de persoas, incluídos os que van acoller ata fin de mes actividades programadas para as festas de verán.
Tamén, de cara a setembro, coincidindo co inicio da actividade escolar, nos accesos aos centros educativos da cidade. En xeral, segundo explicou a concelleira de Servizos, Ana Lamas, “procurarase realizar desinfeccións en todos aqueles lugares susceptibles de que neles se reúna xente”.
A edil aproveitou o inicio desta nova campaña de limpeza para solicitar á veciñanza que respecte os horarios e lugares habilitados para depositar os residuos. Lamas destacou a importancia da responsabilidade individual para manter a cidade en perfectas condicións de hixiene e lembrou que deixar as bolsas do lixo sobre a rúa e non nos colectores correspondentes constitúe unha infracción da ordenanza de limpeza, o que implica a imposición de sancións.