O Concello está estudando abrir unha segunda convocatoria do Plan de Mellora da Empregabilidade (PAME-Ferrol) con cargo ao remanente que se prevé para a que xa se está tramitando. Serviría para que os solicitantes que non cumprían os requisitos contemplados nas bases poidan optar de novo ás axudas unha vez que subsanen o problema.
Tamén preténdese abrir esta segunda convocatoria para quen ,por outros motivos, non o fixeron na que se está a resolver agora. O pasado mércores 1 de xullo, a comisión de avaliación do PAME reuniuse no pazo municipal para analizar a situación das 1.376 solicitudes presentadas para optar a esta liña de axudas posta en marcha polo Concello. Con ela, a Administración local quere contribuír a para paliar a crise derivada da Covid-19 entre os autónomos e as pequenas empresas da cidade.
Durante a xuntanza deuse conta de que 368 das peticións están completas, polo que se prevé que se poidan comezar a aboar antes de que remate o mes. No caso de outros 882 solicitantes, disporán dun prazo de cinco días contados a partir do luns 6 de xullo -cando se publicará a lista provisional de aceptados e excluídos- para aportar datos pendentes.
De presentalos en prazo, unha vez que se verifique que están correctos, tamén pasarían a poder cobrar as axudas. O 9 % dos expedientes foron rexeitados por non cumprir cos requisitos que constaban nas bases. Entre as causas máis habituais das denegacións atópanse ter o domicilio fiscal e o local (ambos) fóra de Ferrol, superar a porcentaxe de redución de facturación, as débedas pendentes coas Administracións públicas ou non estar dado de alta no réxime da Seguridade Social ou na Mutua Profesional e en Facenda.
A concelleira de Economía e Facenda detallou que haberá que agardar a que estea resolta a convocatoria para coñecer con exactitude de que fondos se dispón para abrir unha segunda, aínda que xa avanzou que a cantidade podería estar próxima aos 100.000 euros.