O Concello de Ferrol estuda adaptar o servizo dos comedores sénior pola actual crise sanitaria

A concellería de Benestar social plantea crear unha análise estratéxica para poder optimiza un servizo moi mermado ultimamente polas medidas de seguridade

A concellería de Benestar Social ten en marcha a elaboración dunha análise estratéxica do servizo de comedores sénior de Ferrol de cara á súa futura licitación. A concelleira, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá do 6 de agosto durante a reunión da Comisión Informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico que a súa intención é detectar as necesidades que ten a día de hoxe este recurso que o Concello pon a disposición dos maiores da cidade para poder optimizalo.

Dende o inicio da crise epidémica, os comedores permanecen pechados por cuestións de seguridade. Durante o último ano a edil puxo en marcha diversas iniciativas para impulsar os comedores sénior, que deron como resultado un incremento de usuarios de preto dun 20 %. De todos modos, Martínez Montero dixo que dende o primeiro momento observou a necesidade de adaptar o servizo á realidade social ferrolá e, tras o inicio da epidemia da Covid-19, á nova situación sanitaria.

Polo tanto, levarase a cabo un estudo para poder apreciar cales son os locais máis axeitados e como se poden asegurar as condicións óptimas, adaptándose a todas as esixencias normativas e a todos os protocolos sanitarios que indican as autoridades sanitarias. A concelleira manifestou que aínda que os comedores sénior non están considerados legalmente como un servizo esencial, durante os últimos meses o Concello mantivo en todo momento a entrega de menús aos usuarios que se atopan en situación de vulnerabilidade.

Para elo, Benestar Social púxose en contacto con eles xa que, mediante un acordo con Afundación, aqueles que solicitaron continuar no programa están recollendo os menús no Edificio Social, no Centro Carvalho Calero, na Casa Solidaria e no Centro Cívico de Caranza. Outros, con problemas de mobilidade, recíbenos nos seus fogares grazas ao traballo do voluntariado municipal.

Salir de la versión móvil