O Concello de Ferrol plantexa ampliar o viario de acceso do cemiterio de Serantes

Falta a aprobación da Xunta de Goberno Local para licitar as obras, e na mesma reunión de hoxe aprobouse o arranxo de ata 6 beirarrúas municipais

A Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol celebrou hoxe a última hora da mañá unha nova sesión para tratar a ampliación do viario de acceso ao cemiterio de Serantes e a reparación de seis calzadas máis. Nela acordouse unha proposta de adxudicación que agora deberá pasar pola Xunta de Goberno Local para concluír o procedemento. Prevense as obras entre a rotonda da DP-3612 e o acceso á igrexa de Serantes, un espazo que o proxecto divide en dous tramos: o comprendido entre a glorieta e o inicio do camiño de acceso ao lugar de Aneiros e o que resta ata pasar o camposanto.

Actualmente o ancho da calzada vai dos 5,5 metros no primeiro tramo ata os 3,30 no acceso á igrexa, e carece de beirarrúas e zonas habilitadas para o aparcamento de vehículos. A ampliación do acceso á igrexa é unha demanda dos representantes veciñais baseada en frecuentes problemas circulatorios e de seguridade peonil.

O proxecto inclúe para o primeiro tramo unha beirarrúa de 1,80 metros, 2,20 para estacionamento lateral, dous carrís de 2,50 metros cada un e unha beiravía. No segundo haberá 2,20 metros de ancho para estacionar a ambos lados, unha calzada de case 4 e unha beiravía de 2. O proxecto contempla, entre outras actuacións, unha nova tubaxe de PVC que se conectará ao saneamento de pluviais executado na estrada DP3612, a conexión da saída do cemiterio á rede de saneamento e augas fecais, ramplas nas beirarrúas e tamén a colocación de bandas de aviso nos cruces de peóns. O prazo de execución das obras é de catro meses e conta cun orzamento de 227.433,86 euros.

Reparación de beirarrúas en seis estradas

Tamén se tratou hoxe a reparación de beirarrúas en seis estradas da Deputación: DP-3603 -Ferrol-Cobas-, DP-3604 -San Xoán de Filgueira-Catabois-, DP-3605 -Penas de Guitín-San Xoán de Filgueira-, DP-3608 -Serantes-Doniños-, DP-3609 -Corrás-A Malata- e, por último, a DP-3612 -Aneiros-A Cabana-.

Quedou practicamente lista, xa que se presentou o informe técnico favorable ao prezo ofertado en baixa pola empresa proposta para adxudicación. A actuación consistirá en emendar o deterioro do firme das beirarrúas, tanto pola presenza de vexetación como por roturas, afundimento, levantamento de baldosas como por outros danos.

Tamén se mellorará a accesibilidade aos pasos de peóns, eliminaranse barreiras arquitectónicas e restableceranse os elementos de protección para viandantes en zonas puntuais. O prazo de execución das obras é de 4 meses desde a firma da acta de comprobación de replanteo. A actuación conta cun orzamento de 139.000 euros (con impostos).

Salir de la versión móvil