A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, presentou esta mañá do mércores 26 de agosto no pazo municipal a Guía de recursos fronte á violencia de xénero en Ferrol. Esta publicación, elaborada con cargo á subvención do pacto de Estado contra a violencia machista, ten como obxectivo converterse «nunha ferramenta útil para as mulleres en situación de vulnerabilidade», dixo a edil.
Unha guía e un documental contra a violencia de xénero
Nela están recollidos todos os servizos gratuitos a disposición das mulleres que o propio Concello, a Administración autonómica e o Estado poñen a disposición para acompañalas e apoialas. No caso de Ferrol, se canalizan a través da concellería de Muller e Igualdade -o Centro de Información á Muller, as actividades de prevención que se desenvolven a través da animación sociocultural e a Casa de Acollida-.
O lanzamento da guía vai acompañado da realización dun pequeno documental no que as propias técnicas explican de primeira man cal é o seu traballo á fronte destes recursos e cómo poden acceder a eles as mulleres. Esta é a segunda fase da campaña «Nunca é tarde para ser libre, Ferrol abre a porta contigo».
Na primeira, a través dun audiovisual e da promoción en medios de comunicación e redes sociais, o obxectivo era que as mulleres, de ser o caso, se identificasen como vítima. Nesta ocasión o que se pretende é que non estean soas e que poden saír da espiral do maltrato e retomar a súa vida autónoma, independente e segura.
A publicación estará dispoñible nas redes sociais de Muller e Igualdade, así como nas do Concello e na web municipal. Tamén se poderá recoller nas instalacións municipais. A reportaxe audiovisual xa se pode ver na canle do Concello en YouTube.