O Concello de Ferrol repartiu 17.525 equipos de protección individual a hospitais, residencias e corpos de seguridade

O material non quedou só na cidade e tamén se enviaron EPIs a diferentes municipios da comarca nos que había necesidades urxentes, como Fene, Cedeira ou Pontedeume
epis1

O Concello de Ferrol distribuíu dende o pasado martes 17.525 equipos de protección individual (EPI) establecendo como prioridade o persoal que está a combater en primeira liña a epidemia de COVID-19. Voluntarias e voluntarios de Protección Civil, coordinados dende a área municipal de Seguridade, encargáronse a partir do luns de recoller o material que empresas, entidades e mesmo particulares anónomos lle cederon ao Concello.

No centro loxístico establecido no antigo Hospicio iniciouse unha labor de inventario de todos os EPI que chegaban e en menos de 24 horas comezáronse a enviar furgóns, primeiro ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), ao Centro de Antención a Persoas con Discapacidade Física (CAMF) e ao albergue Pardo de Atín, en Caranza. A partir do mércores houbo suficientes unidades a disposición para comezar o reparto entre residencias de maiores, entidades benéficas, persoal de atención no fogar e corpos de seguridade. Esta distribución non se limitou ao termo municipal de Ferrol, senón que o Concello tamén prestou axuda en Fene, Cedeira e Pontedeume, desde onde lle trasladaron ao alcalde necesidades urxentes.

Ángel Mato en persoa púxose en contacto a partir da pasada fin de semana coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), Navantia e outras empresas para solicitarlles a súa axuda á hora de conseguir os equipos, un chamamento ao que atenderon “de forma moi xenerosa”, asegurou o rexedor.

Pese á gran cantidade de equipos de protección que xa están en mans do persoal que máis o necesita, o alcalde insistiu hoxe en que todos os que se poidan reunir son poucos, e lembrou que os máis necesarios son as batas e monos cirurxicos desbotables, as máscaras cirúrxicas, as máscaras FFP2 e FFP3, os guantes de nitrilo desbotables, o xel hidroalcohólico e as gafas de protección pechadas polos laterais. O centro loxístico atópase xa practicamente vacío, pero seguen habilitadas as canles para ceder material deste tipo: a dirección de correo electrónico [email protected] e o número de teléfono 981 944 000.

Mato avanzou tamén que enviará unha carta persoal a cada empresa, entidade e particular que cederon material para expresarlles o agradecemento do Concello, da cidadanía de Ferrol e do persoal que se beneficiará do seu xesto. Nela detallaralles o destino dos EPI que tan xenerosamente cederon para que teñan un coñecemento pormenorizado de en que se empregaron as súas contribucións.

O rexedor quixo mostrar o seu recoñecemento a Cofer, polo chamamento que fixo entre os seus asociados, especialmente entre auxiliares do naval, a Navantia, a Indasa, a Disnainga, a Windar Renovables, a Gabadi, a Diresa, a Masol Iberia Biofuel, a Industrial de Acabados, a Suymo, a Pack y Seals, á Sociedade Galega de Historia Natural, a Dental Gándara Ferrol, á Droguería Boomerang, á Clínica Dental Castro Ferreiro, á Clínica Podolóxica Xiana, á Peluquería Three, a Pedro Barreiro, aos empregados do Supermercado Froiz da Gándara e a cidadáns que quixeron doar material de forma anónima.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.