O Concello de Ferrol traslada a ITE ao antigo Hospicio da cidade

A Inspección Técnica de Edificios, anteriormente situada na Casa Solidaria, xa se atopa operativa na súa nova ubicación

O Concello de Ferrol vén de trasladar a oficina da Inspección Técnica de Edificios (ITE) da Casa Solidaria ao antigo Hospicio da cidade. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, acompañado por persoal municipal, visitou onte o edificio da rúa Méndez Núñez para coñecer a marcha da instalación do servicio, que xa está operativo na súa nova localización.

No seu percorrido polas instalacións, o edil aproveitou para conversar co persoal da ITE e interesarse polas súas necesidades no seu novo lugar de traballo. Ademais mostrou o seu empeño por acondicionar o espazo de forma que se poida atender á veciñanza nas mellores condicións, polo que analizou as diferentes opcións para controlar os accesos ao edificio e garantir a seguridade tanto dos traballadores como dos usuarios.

O concelleiro Reina indicou que deste modo “damos uso a un dos espazos máis emblemáticos da cidade, e os nosos veciños poderán gozar da rehabilitación do céntrico edificio, un dos máis singulares de Ferrol”. Os cidadáns que desexen poñerse en contacto coa ITE, instalada na primeira andar do antigo Hospicio, poden facelo a través da central do pazo municipal (981 944 000).

Salir de la versión móvil