O concelleiro de Servizos anunciou a contratación dun total de nove persoas en situación de risco ou exclusión social perceptoras da Renta de Integración Social de Galicia (Risga) e que xa están a desenvolver diferentes labores na cidade.
Na primeira xornada realizaron un curso de Prevención de Riscos Laborais para, ao longo desta, traballar xa nas áreas que lles foron asignadas durante os vindeiros sete meses, período de duración destes contratos.
Dúas das persoas contratadas están realizando traballos de albanelería, unha colabora no reparto de vallas, dúas máis están con tarefas de pintura e mantemento, tres realizando desbroces e a outra exerce como capataz. Ademais tamén terán que cumprir coas respectivas medidas de seguridade e hixiene impostas pola crise actual do COVID-19.
Os custes salariais destes contratos asúmeos a administración autonómica con competencias nesta área, debendo estar vencellados á realización de obras e servizos de interese xeral e utilidade social, tal e como figura na convocatoria do DOG. Dende o Concello naronés valoran positivamente esta iniciativa que promove a inserción laboral dun colectivo moi concreto e que, en determinados casos, remata na consecución dun emprego a máis longo prazo ou dunha experiencia práctica que lles ofrece unhas certas garantías laborais.