O Concello de Narón presentou hoxe o vídeo “Narón en negro contra a violencia de xénero”

O goberno local continuará mañá cos actos programados con motivo do 25-N
Presentación do vídeo 25N

O pasado mércores, día 18, iniciábanse no Concello os actos do programa do Día Internacional contra a violencia de xénero coa apertura da exposición “A violencia contra as mulleres e as nenas”, con máis de medio centenar de obras sobre a violencia machista e que poderá verse ata o vindeiro luns na Biblioteca municipal. Esta mesma mañá o Concello acollía un acto presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e ao que acudiron integrantes do Consello Sectorial de Igualdade e representantes da corporación local e que consistiu na proxección do vídeo “Narón en negro contra a violencia de xénero”.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Mar Gómez, participaron neste vídeo xunto con integrantes do Consello Sectorial de Igualdade: a edil de Benestar Social, Catalina García, a edil Olaia Ledo e, en representación das entidades: María Aneiros, de Cogami; Cristina Taboada, de Acadar; Paula Gárate, da Asociación Cultural ASCM; Susana Carregado, da Asociación de Xordos Ferrolterra; María Paz Lorenzo, do Patronato Concepción Arenal; Margarita Leiracha, da AVV do Val e Manuela Beceiro, da Asociación de Mulleres Rurais Ferrerías. Unha representación do colectivo acudiu hoxe á presentación deste vídeo no salón de plenos do Concello e levaron como agasallo unha máscara conmemorativa do 25N e unha imaxe súa da participación na campaña.

Na proxección as mulleres amosan diferentes mensaxes contra a violencia de xénero, coas que se retrataron para editar o traballo presentado hoxe e que pode verse a través do Facebook do Concello de Narón e se enviou pola canle de whatshapp “Novas Narón”.

 

 

A programación do 25N continuará mañá ás 10.30 horas, coa Marcha Ciclista e os xogos feministas contra a violencia de xénero. Ferreiro explicou que debido á actual situación sanitaria a tradicional Marcha Ciclista pola Igualdade trasládase da rúa ás aulas e as rapazas e rapaces de quinto e sexto de Primaria de Narón pedalearán en bicis estáticas que se instalarán en cada colexio participante e nas que, seguindo un vídeo realizado polo equipo de Educación Viaria, irán realizando un circuíto virtual que discurre polos colexios de Narón, respostando a varias preguntas do xogo feminista “Quen é quen?” para rematar a ruta xunto ao Monumento á Muller, na Praza da Gándara.

Unha vez na meta poderán escoitar unha mensaxe da alcaldesa con motivo desta xornada, agradecendo a súa participación. Todos os participantes recibirán como agasallo unha máscara infantil conmemorativa do 25N, ao igual que se entregaron tamén para adultos á monitoraxe das escolas deportivas e culturais municipais, persoal da Biblioteca, do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, entre outros.

Outra das propostas do Día Internacional contra a violencia de xénero programouse mañá ás 12.00, cando se secundará un minuto de silencio tras adherirse á convocatoria “Un minuto por las víctimas de violencia de género en España”, impulsada pola Delegación do Goberno contra a violencia de xénero. O Concello adheriuse ademais á campaña “En Negro” e tamén á promovida pola Deputación da Coruña “Só hai unha forma de mirala. DE FRONTE á violencia de xénero”.

Na noite de mañá mércores tamén se iluminarán de cor malva a fachada do Pazo da Cultura e a glorieta de Freixeiro. Finalmente, o vindeiro venres, día 27,  presentarase no Café Teatro do Pazo da Cultura ante a comunidade educativa de Narón o “I Plan de Igualdade Intercentros de Ensino do Concello de Narón”. Acudirá á convocatoria persoal do Concello e o director ou directora de cada centro de ensino da cidade.

 

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.