O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a presidenta de Asociación Párkinson Ferrol, Vanesa López Pita, firmaron esta mañá no salón de plenos do pazo municipal un convenio de colaboración para o presente ano cuxa cantidade ascende a 12.000 euros.
Deste modo o Concello contribúe ao financiamento de actividades encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos enfermos polo Parkinson. Tras a firma do convenio, o alcalde agradeceu á responsable da asociación o intenso traballo que está a desenvolver na cidade “con persoas que teñen moitas dificultades no seu día a día».
O edil tamén aproveitou a ocasión para desexar que a entidade continúe traballando «para dar soporte ás persoas que o precisan». Pola súa banda, López Pita mostrou o seu agradecemento ao Concello polo apoio ofrecido ao seu traballo e aproveitou a ocasión para facer un chamamento ás persoas enfermas para que acudan á asociación, «estamos aquí para axudar», dixo.
A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, destacou o labor que desenvolve a entidade na cidade e lembrou que Párkinson Ferrol forma parte do Grupo de Traballo de Dependencia e Diversidade Funcional do Concello de Ferrol. A edil tamén resaltou o esforzo que está a facer a entidade para retomar a súa actividade cos pacientes.