O Concello xa prepara os actos do Día de Narón o próximo 23 de novembro

Un vídeo para homenaxear ao persoal voluntario, a prantación da camelia “Cidade de Narón” e a entrega de premios do XII Concurso de Pintura centrarán as actividades da festividade local
Marián Ferreiro e David Pita (1)

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o voceiro do PSOE, David Pita, deron a coñecer esta mañá os actos que se desenvolverán no Concello o vindeiro luns, día 23, con motivo da festividade local, o Día de Narón. Ferreiro explicou que “tal e como anunciamos no seu día, o 23N homenaxearemos ao persoal voluntario que tanto traballou e traballa dende a declaración do estado de alarma. A situación sanitaria actual condicionará esa homenaxe ata o punto de que polas restricións de aforo non poderemos facer partícipe ao colectivo en particular e á cidadanía en xeral dun xeito público desta homenaxe”.

A rexedora local avanzou que “para tratar de visibilizar o gran labor das nosas veciñas e veciños que desinteresadamente axudaron a aquelas persoas que máis o precisaban en cada momento, faremos público un vídeo gravado especialmente para a ocasión e que confiamos en que sexa do agrado de todas e todos os naroneses”. O vídeo poderase ver a través do Facebook do Concello de Narón e tamén se difundirá a través do servizo “Novas Narón”, co fin de darlle a maior difusión.

Así mesmo sobre as doce do mediodía levarase a cabo outra sinalada proposta para esta data. “Despois de varios anos, plantaremos na cidade o primeiro exemplar da camelia “Cidade de Narón”, unha variedade específicamente creada para este concello e que florecerá este ano por vez primeira, cunha peculiar flor de color vermello intenso”, indicou Ferreiro. “Esta camelia será un símbolo máis da nosa cidade e, como tal, lucirá nun espazo moi especial para que tanto a veciñanza como as persoas doutros concellos poidan coñecer esta particular especie”, asegurou.

Pola tarde terá lugar o tradicional acto de entrega de premios do “XII Concurso de Pintura Cidade de Narón”, que se fallou esta mesma semana. O acto, con aforo limitado debido á pandemia, terá lugar ás 18.00 horas nas instalacións do Pazo da Cultura e estará presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro. “Os gañadores do certame e do Premio Especial Francisco Criado, o extremeño Melchor Balsera e o naronés Víctor Manuel Rodríguez, estarán presentes nesta convocatoria, unha das citas culturais máis consolidadas na cidade”, asegurou a rexedora local.

Ferreiro e Pita aseguraron que “o feito de que a situación sanitaria condicione os eventos a desenvolver nestes tempos non será un impedimento para que todas e todos os naroneses nos sintamos un ano máis moi orgullosos da nosa cidade e da nosa xente e que alberguemos a esperanza de poder celebrar novamente xuntos o Día de Narón o vindeiro ano”.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.