Ninguén podía prever os datos que o Sergas ía confirmar hoxe sobre os casos positivos detectados no área sanitaria de Ferrol nas últimas 24 horas. O último corte realizado polo Ministerio de Sanidade arroxou un total de 142 infectados nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal o que supón 79 máis cos 63 positivos do día anterior. Do total de afectados, 96 están no seu domicilio e 46 ingresados. Destes 46, 12 están na UCI e 34 en planta.
Nestas cifras facilitadas hoxe polo Ministerio conflúen a liña de incremento “natural” de casos e o afloramento da duplicación de probas desta semana coa activación do punto fixo instalado no Novoa Santos, que, na súa maioría tradúcense en casos leves con reposo domiciliario.
Dende o SERGAS recordan que as peticións para realizar estas probas dende o coche chegan por varias vías: atención primaria, o número 900 400 116, o 061 e as urxencias. Para dar resposta a esta importante demanda, esta semana creouse un grupo de coordinación no que están traballando diversos profesionais de tódolos ámbitos (primaria e especializada) e categorías (enfermería, facultativos, e administrativos) que se ocupan de coordinar e canalizar todas estas novas probas. O Servizo Galego de Saúde explica que “este incremento exponencial dos positivos débedese, polo tanto, a diversos factores”.
En Galicia o total de casos ascenden a 2.925, deles 639 son da área da Coruña, 244 da de Lugo, 415 da de Ourense, 324 da de Pontevedra, 681 da área de Vigo e 480 da de Santiago.
Discussion about this post