O Concello de Valdoviño está a levar a cabo unhas reformas no CPI Atios para contribuir a facilitar a adaptación das instalacións aos protocolos de prevención fronte á Covid-19. Obras que xurden das reunións que goberno municipal e dirección do centro, as cales se levan mantendo ao longo das últimas semanas coa vista posta no inicio do curso escolar.
O obxectivo das intervencións é habilitar unha nova aula na segunda planta, semellante á clase que ata o momento era a sala de profesores, gañando espazo de cara a garantir as distancias de seguridade indicadas pola Xunta de Galicia. Na mesma planta, o Concello está a retirar das aulas os vellos armarios empotrados, moi deteriorados, tamén para sumar metros cadrados e favorecer a separación entre o alumnado. Por último, as actuacións complétanse co pintado tanto das clases como das zonas comúns.
Tres plans para o comezo do curso
Nas vindeiras xornadas, o Concello dará a coñecer as medidas nas que traballa para facilitar a mobilidade na zona e os plans respecto ao estacionamento. Así mesmo, a dirección do centro vén de publicar na súa páxina web –http://www.edu.xunta.gal/centros/cpiatios/- o plan de adaptación sobre o inicio e desenvolvemento do curso 2020/2021, o plan de acollida coas normas de organización e funcionamento, e o plan de continxencia, coas actuacións en caso de abrocho ou suspensión de actividades. Normas baseadas nos protocolos establecidos pola Consellería de Educación e susceptibles de modificacións futuras.