O declive do carbón e a incerteza xerada pola Covid-19 non frea a actividade portuaria en Ferrol

No segundo trimestre deste ano o Porto de Ferrol sufriu un incremento dos seus movementos mercantís dun 8,3% con respecto aos mesmos rexistros do 2019

A actividade nas instalacións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aumentou un 8,3 % durante o segundo trimestre de 2020 en comparación cos datos do mesmo periodo do ano pasado. Deste xeito quedou compensado parcialmente o acusado descenso que se rexistrou no intervalo xaneiro-marzo. Abril comezou cunha baixada acumulada no balance de tráficos de 32 puntos porcentuais e no inicio de xullo o retroceso arrastrado situouse en menos da metade.

Segundo datos aínda provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2020 2.812.864 toneladas de mercadorías, fronte ás 2.598.683 contabilizadas en iguais datas do exercicio anterior. Este incremento -de 214.181 toneladas- produciuse a pesar de perder a Autoridade Portuaria o que ata a primavera de 2019 era o seu principal tráfico, o de importación de carbón, e tamén a pesar dos efectos da pandemia da Covid-19 sobre a navegación mundial. O avance explícase, fundamentalmente, polo bo comportamento dos mercados do gas natural licuado (GNL) e a bauxita.

No global do semestre inicial de 2020, en cambio, os movementos nos peiraos da Autoridade Portuaria alcanzaron unha magnitude de 5,21 millóns de toneladas, o que supón unha caída do 14,9 % respecto a os rexistros de 2019 -6.122.597 toneladas menos-. Deses 6,12 millóns de toneladas cargados e descargados na primeira parte do ano pasado, 1,99 foran de carbón.

A bauxita lidera o ranking de mercadorías do período xaneiro-xuño de 2020, con 2.481.567 toneladas, seguida polo GNL, con 653.269. A clasificación complétana nos seus postos altos a alúmina -630.347 toneladas-, o fueloil -213.816-, a sosa cáustica -163.530-, a madeira -163.395-, os aceites -160.120-, a chatarra -126.553-, o biodiésel -120.144- e o aceiro -86.069-.

Entre os grandes tráficos, en termos relativos sobresaen as evolucións do GNL, cun repunte do 127,4 %, e do fueloil, a madeira e a sosa cáustica, con subidas, respectivamente, do 29,8, o 24,6, e o 21,1 %. Tamén evolucionan a bauxita -19,6 %-, os aceites -17 %-, o biodiésel -16,4 %- e a alúmina -6 %-.
No resto da desagregación da estiba e desestiba merecen mención destacada tamén os movementos de contedores, cun avance do 3,5 % se se mide en toneladas e do 17,6 % se se estima en TEUs.

Salir de la versión móvil