Fai un días o Ensanche A acolleu unha xuntanza entre varios representantes veciñais co concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, para tratar entre eles as necesidades que na actualidade presenta o barrio.
A visita realizada o pasado martes 15 de setembro comezou no Centro Cultural Carvalho Calero onde, tras a reparación da cuberta, tense a intención de realizar diversas melloras no interior do edificio, no que desenvolve a súa actividade a asociación do Inferniño.
Reunións e ocio no Palco das Ánimas
Posteriormente, durante o traxecto fixeron parada tamén no Palco das Ánimas, onde o edil avanzou que proximamente se van instalar bancos coa intención de consolidar a área verde como un espazo de reunión e ocio para a veciñanza do barrio. Para elo aproveitaranse as zonas de sombra que ofrecen as árbores de gran porte que medran no lugar, tal e como conveu cos membros da asociación.
Reina tamén analizou con eles diferentes posibilidades de intervencións en vías que necesitan reparacións, ademais de comentar as prioridades á hora de levar a cabo este tipo de actuacións. Para elo, achegáronse, entre outras, ás rúas Inferniño, Instituto, Pontevedra, Ourense, Alcalde Usero, Fontaíña, Río Miño, Fontemoura, Pintor Bello Piñeiro ou Río Lérez.
Instalación de ascensores nos edificios
O encontro serviu tamén para que o concelleiro lles achegase aos representantes veciñais a pertinente información sobre os trámites necesarios para a instalación de ascensores en edificios que carecen deles. Este é un asunto de especial importancia, posto que boa parte do parque de vivendas se levantou antes de que se xeneralizase a inclusión destes aparatos nos proxectos construtivos.