O Grupo de Acción Local Golfo Ártabro Norte, unha vez asinado o Convenio de Colaboración coa Consellería do Mar polo que xestionará no actual período FEMPA (Fondos Europeos da Pesca e da Acuicultura) 2023-2027 o programa de axudas para a aplicación da estratexia de desenvolvemento local, está a preparar a execución deste novo período no territorio.
O programa ten un orzamento total de 5.804.160,29 euros, dos que 4.647.862,73 euros -o 80%- destinaranse exclusivamente a axudas a proxectos no territorio de actuación que se estende a dez Concellos: Narón, Ferrol, Neda, Fene, Ares, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne; e ás seis Confrarías: Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol.
Os fondos destinaranse ao desenvolvemento do programa de actuacións, que ten como obxectivos estratéxicos o aumento do valor, creación do emprego, valorización e fomento da participación das mulleres, atracción de persoas mozas e promoción da innovación en todas as fases da cadea de producción e subministro dos productos da pesca e a acuicultura, e a mellora da imaxe destes productos e a actividade productiva a nivel local para a súa incorporación á cultura alimentaria do territorio. Tamén busca fomentar a economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas mediante o apoio á diversificación dentro e fora do sector da pesca comercial, a aprendizaxe permanente e a creación de emprego nas zonas pesqueiras. Reforzar o papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos e actividades marítimas locais.
Esta asignación de fondos europeos contribuirá durante os vindeiros anos a xerar riqueza vinculada ao mar e ao seus produtos neste territorio costeiro, xa que a maior parte dos promotores serán pequenas empresas, microempresas, pemes e persoas particulares.
O GALP Golfo Ártabro Norte conta cunha sede en Miño, na Casa do Pescador, e conta cun equipo técnico para orientar e informar aos potenciais interesados en solicitar axudas públicas do FEMPA para os proxectos que vaian a desenvolver. En próximas datas prevese realizar unha campaña informativa e xornadas de divulgación no territorio para difundir o programa de axudas, do que se prevé que a Consellería do Mar publique a convocatoria para presentar solicitudes cara o verán. Non obstante, é convinte que os potenciais promotores interesados en solicitar axudas se informen co equipo técnico antes de iniciar calquera trámite, co obxecto de valorar no posible se a súa idea empresarial se adecúa aos obxectivos estratéxicos da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo.