O goberno de Narón pon en marcha tres actividades dirixidas a mulleres desempregadas do municipio

Os talleres ofertados son “Igualdade por medio da educación”, “Inicio ás técnicas de confección” e “Integración e xestión familiar”
confeccion-industrial

O Concello abriu o prazo de solicitude de actividades educativas de balde dirixidas a mulleres desempregadas empadroadas no Concello e de entre 18 e 65 anos. A proposta enmárcase no II Plan de Igualdade do Concello de Narón. A edil responsable da área de Igualdade, Mar Gómez, avanzou que as actividades ofertadas son “Igualdade por medio da educación”, “Inicio ás técnicas de confección” e “Integración e xestión familiar”. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través da Sede Electrónica do Concello –sedeelectronica.naron.es-, o Rexistro municipal ou calquera outro medio contemplado na normativa ata esgotar as prazas.

A actividade “Igualdade por medio da educación” conta cun total de oito prazas, que se dividirán en dúas quendas, con clases os luns, mércores e xoves de 16.30 a 18.00 ou de 18.30 a 20.00 horas. As sesións celebraranse de decembro deste ano a xuño de 2021 na Casa da Mocidade e no transcurso das mesmas abordaranse diferentes contidos, como o apoio educativo de Competencias clave nos niveis 2 e 3; apoio educativo para educación Secundaria, educación en Igualdade e actividades complementarias. “As alumnas disporán dunha serie de recursos formativos que lles permitirán adquirir unha serie de coñecementos e habilidades sociais nas que estará moi presente a perspectiva de xénero”, explicou Gómez.

En canto á proposta sobre “Integración e xestión familiar”, dispón dun total de 16 prazas que se distribuirán en catro grupos, con horarios os martes e xoves de 9.30 a 11.00 ou de 11.30 a 13.00 horas ou os luns, mércores e venres nesas dúas franxas horarias. As clases impartiranse tamén entre decembro deste ano e xuño do vindeiro, na Casa da Mocidade e noutra instalación municipal. En canto aos temas a abordar nas mesmas están a educación para a saúde, novas tecnoloxías, lectoescritura, educación multicultural, educación ambiental e educación en igualdade, entre outras. “Un dos obxectivos desta acción é mellorar as posibilidades de inclusión social daquelas mulleres que están en risco de exclusión, dotándoas dunha serie de coñecementos que lles serán de moita utilidade no seu día a día”, apuntou a edil naronesa.

A terceira das propostas é “Inicio ás técnicas de confección” e oferta oito prazas en dúas quendas, que se fixaron os martes e xoves de 10.00 a 12.00 ou os luns, mércores e venres de 10.00 a 12.00 horas. O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acollerá esta actividade, que permitirá, segundo explicou Gómez, “mellorar a inclusión social das mulleres mediante a formación, neste caso, nas técnicas de confección”. Os contidos a abordar serán, entre outros, a máquina de coser e o seu uso, coidado e aproveitamento de materiais, confección de patróns, cortado de pezas de roupa, probas de pezas e remates a man.

As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 ou 1115).

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.