O Goberno permite consumir no interior de bares e restaurantes en núcleos de menos de 10.000 habitantes

Ademáis, a nova orde publicada hoxe no BOE amplía os permisos para pasear en familia a todo o termo municipal e en compañía

César Galdo

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe unha nova orde que alivia en parte as restricións do Estado de Alarma, nomeadamente as referidas á mobilidade e ás condicións de apertura da hostalaría. Nos concellos cunha poboación inferior aos 10.001 habitantes ou unha densidade inferior a 100 habitantes por kilómetro cuadrado xa non será obrigatorio restrinxir os paseos en familia a un máximo de un quilómetro arredor da casa e, ademais, todas as persoas convivintes poderán saír xuntas dar unha volta.

Por outra banda, no caso dos bares e restaurantes, teñen permitido desde xa mesmo atender no interior dos locais, aínda que sen empregar a barra e sen superar o 40% das mesas. O anuncio estatal afecta a tódolos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, agás os de Ferrol, Narón, As Pontes, Fene, Ares, Cabanas, Mugardos e Pontedeume e supón adiantar un alivio das restricións que chegaría o próximo luns, coa máis que segura entrada de Galicia na Fase 2 da desescalada.

O BOE refírese en primeiro lugar ao desprazamento da poboación infantil e á práctica da actividade física non profesional indicando que no caso dos municipios por debaixo de 10.001 habitantes e baixa densidade de poboación xa non serán de aplicación as franxas horarias, algo que xa se viña aplicando na meirando parte dos núcleos das comarcas.

A novidade está en que agora os paseos dos nenos e nenas menores de 14 anos xa non está limitado a un máximo de tres menores na compaña dun adulto, senón que poderán saír xuntas todas as persoas convivintes no mesmo domicilio. Tamén se amplía a distancia, que pasa de 1 quilómetro ao redor da casa a todo o territorio municipal. Mesmo se poderá chegar a outro municipio dando o paseo, sempre sen superar os 5 quilómetros de distancia do domicilio e sempre que se trate dun concello limítrofe pertencente á mesma provincia e nas mesmas circunstancias.

Cómpre recordar que segue en vigor a prohibición de coller o coche ou o transporte público para ir dar unha volta a outro municipio, algo que nos últimos días moita xente pasou por alto nas comarcas de Ferrolterra.

Bares e restaurantes, tamén no interior

As orde publicada no BOE tamén adianta uns días as condicións de apertura para bares e restaurantes. Desde a semana pasada poden atender nas terrazas ata un máximo do 50% da súa ocupación e, desde hoxe, os locais hostaleiros tamén poden atender no interior: máximo nun 40% do aforo, mantendo as distancias e sen poder servir na barra.

De feito, o Artigo 18 da orde ministerial que regula ese aspecto di literalmente: “o consumo dentro do local unicamente poderá realizarse sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e preferentemente mediante reserva previa. En ningún caso se admitirá o autoservizo en barra por parte do cliente. Asimesmo, estará permitido o encargo no propio establecemento de comida e bebida para levar”.

Segue en vigor todo o demais: máximo 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas, distanciamento social e medidas hixiénicas reforzadas. O anuncio do BOE causou certa sorpresa nas cafeterías e bares que hoxe abriron con servizo de terrazas e dúas horas despois, tras revisar a publicación oficial, tamén permitiron a entrada de clientela nun local con menos mesas das habituais e coa barra clausurada.

 

Salir de la versión móvil