O lavadoiro de Insua é un dos lugares máis emblemáticos de Canido, un espazo que mostraba o seu abandono reflectido na gran cantidade de pintadas que cubrían cada oco e que, agora, tan só está cheo de historia inesquecible grazas á colaboración conxunta da veciñanza do barrio.
Tras a colaboración da AVV de Canido e de Xeración, o pasado sábado varios membros de unha e outra entidade puxéronse de acordo para, sumando esforzos coa mocidade que habitualmente utiliza o sitio, facer unha quedada e comezar a reacondicionamento do lavadoiro canto antes.
Unhas reformas que xa veñen de longo
Xa o pasado 20 de xullo a Intrabarrial de Canido mostraba o seu interese por levar a cabo un proceso participativo para que entre todos se puxera en común varias ideas coas que darlle un novo aproveitamento ao lugar, unha proposta que foi transmitida á concellería de Obras e Servizos e, que polo momento, non atoparon resposta.
Por iso, para non demorar máis a limpeza de cara do antigo lavadoiro, a AVV de Canido púxose en contacto coa rapazada que soe utilizar o lugar para coñecer máis de cerca o seu actual uso e o futuro que pode ter. Porén, a xuventude que acude habitualmente a este espazo como lugar de encontro non tardou en reaccionar e, aceptando a proposta da asociación veciñal, levaron a cabo unha reunión o vindeiro sábado para facer realidade este proxecto de rehabilitación.
A cor branca coma mensaxe de futuro
Unha vez dado o paso, tanto algúns membros da AVV de Canido como a rapazada que lle da vida ao lavadoiro e varios estudantes de Erasmus participantes dos proxectos europeos realizados por Xeración puxéronse mans á obra dende as 11.00 horas da mañá ata aproximadamente as 18.00 horas da tarde, evitando por un lado a colaboración dunha gran afluencia de veciños debido a que iría en contra das medidas adoptadas pola actual situación sanitaria que estamos a vivir.
Neste periodo de tempo foron capaces de cambiarlle por completo o rostro ao lavadoiro, limpando parte da maleza existente e deixando atrás esas pintadas sinónimo de abandono para deixar un oco á imaxinación e a creatividade coa nova cor branca, representando esa folla en branco que espera a ser pintada de vida dun momento a outro.
Polo de agora, tal e como advertiron dende a entidade veciñal, o seguinte paso que darán será volver a poñerse en contacto coa administración local para intentar retomar coa maior brevidade posible estas reformas, pero mentras as ansias da asociación de facer do barrio de Canido un lugar mellos non se desvanecen, e de feito xa teñen en mente novas intervencións como é o reacondicionamento da pequena pista deportiva situada na rúa Poeta Pérez Parallé.