O Mercado de San Telmo de Mugardos abre as súas portas a unha degustación de produtos típicos

O vindeiro 26 de setembro terá lugar este evento gastronómico da man da cociñeira local Nair González utilizando alimentos de tempada e propios do recinto

A concellería de Cultura e Turismo de Mugardos presentou onte a degustación de produtos típicos locais que terá lugar no Mercado Municipal de San Telmo o próximo día 26 da man da cociñeira local Nair González.

A partir das 12.00 horas do próximo sábado 26 de setembro, Nair González preparará unha serie de propostas gastronómicas elaboradas con produtos de tempada e de proximidade dispoñibles no propio mercado, para poñer en valor a calidade e o valor culinario das mercadorías locais dispoñibles.

O evento, que contará con aforo limitado debido ás restricións pola normativa sanitaria, será realizado en colaboración co GALP Golfo Ártabro Norte e a Consellería do Mar, e enmárcase dentro do programa de desenvolvemento local “Modernización do mercado municipal. Posta en valor dos produtos locais”.

Pola súa banda a concelleira encargada da área, Begoña Roldós, quixo destacar a importancia de consumir no mercado e no pequeno comercio. “Facer un consumo responsable de produtos locais redunda no beneficio de todos e todas: xera emprego entre a veciñanza, reduce a pegada medioambiental, incentiva a actividade comercial e económica no noso concello e permite transmitir ás novas xeracións elaboracións con produtos de sempre”, afirmou a edil.

Salir de la versión móvil