O Museo da Construción Naval sofre, como todos, as consecuencias da crise sanitaria, a cal reduciu o turismo e a participación nas actividades de lecer -tamén pola obrigada limitación de aforo-, pero aínda así o número de visitas vai aumentando paulatinamente.
Ampliación das visitas guiadas
Tanto é así que a Fundación Exponav, a xestionadora do museo, plantexouse ampliar as visitas guiadas gratuitas que organizou durante os sábados nos meses de xullo e agosto ata outubro, dada a demanda que están a ter nas últimas semanas.
Xa estaban confirmadas as dos días 5 e 12 de setembro e agora programaranse tamén o 19 e o 26 do mesmo mes, mantendo o mesmo horario: as 11.00 horas. Como ata o de agora, continúa sendo necesario reservar praza con antelación -a través do correo [email protected] ou do teléfono 981 359 682- para evitar grupos numerosos.
Medidas de prevención
Por outra banda, as visitas terán que realizarse con máscara e cumprindo o protocolo de seguridade que desde a reapertura tras o confinamento puxo en marcha o museo: desinfección de calzado, toma de temperatura e hixiene de mans, ademais de seguir o percorrido marcado con frechas polo interior do edificio de Herrerías mantendo a distancia de seguridade.
En canto ao número de visitantes, reduciuse ao redor da metade con respecto ao mesmo período do pasado ano, pero aínda así pasou dos 1.590 en xullo a 3.264 en agosto, o que suma 4.854 en total, case exclusivamente turistas nacionais aínda que de procedencias diversas.
A Fundación Exponav está a traballar xa nalgunhas propostas de fronte ao comezo do curso escolar, xa que os escolares son un público preferente ao que o museo presta gran atención. Por outra banda, ata o 20 de outubro continúa aberta na sala Carlos III a exposición sobre o 250º aniversario da creación do Corpo de Enxeñeiros da Armada, que pode visitarse @gratuitamente.