Polo momento recuperada a “nova normalidade”, a Fundación Exponav retoma tamén as visitas guiadas que viña organizando tradicionalmente de balde unha vez ao mes. A primeira será este sábado 17 de xullo, e adiantará a hora habitual desde as 12.00 ata as 11.00 horas para evitar que coincida cos momentos de maior afluencia de xente. Como novidade, e co fin de ter previsión do número de asistentes para evitar posibles aglomeracións, é necesario realizar inscrición previa se se vai a participar na visita, chamando ao número de teléfono 981 359 682.
Como en anteriores ocasións, a visita percorrerá a planta baixa do museo, onde se mostra a evolución da construción naval, e a primeira dedicada aos estaleiros da ría. Tamén é posible visitar a exposición temporal que permanece aberta nestes momentos na sala Carlos III, dedicada á botadura como un dos fitos principais no nacemento dun barco.
A crise da Covid-19 obrigou a introducir outros cambios nas actividades que a Fundación Exponav organizaba habitualmente nestas datas estivais. Así, polo momento non haberá talleres infantís presenciais, pero si se pensou en dar algunha alternativa de lecer aos máis pequenos da casa. Na web exponav.org poderanse descargar láminas para corar de maneira que os nenos e nenas sigan tendo ao Museo da Construción Naval como unha referencia para o tempo libre durante as vacacións de verán.