A Asociación de Empresas do Sector Naval Público da Ría de Ferrol, que agrupa aos empresarios de compañías auxiliares que desenvolven o seu labor nos estaleiros de Navantia, reclamou “retornar á actividade de maneira graduada e controlada” nos recintos industriais sen esperar ao fin do estado de alarma. A entidade ofrécese a participar, xunto con Navantia, no “desenvolvemento da complicada tarefa de retomar a normalidade, de forma ordenada e sempre con todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias para o desempeño do traballo”.
Os empresarios incidiron en que a reincorporación progresiva “garantiría a competitividade” nun momento en que estaleiros doutros lugares continúan traballando no sector de reparacións. De forma paralela, reclamaron á dirección da empresa pública que teña en conta á industria auxiliar e que inicie unha “comunicación fluída” a través desta asociación para poder informar do día a día e dos pasos previstos a todas as empresas.
Postos de traballo
Por outra banda, os empresarios explicaron que os créditos que se habilitaron para as empresas axudan a manter a tesourería durante estes meses sen traballo, pero, tendo en conta a crítica situación actual do sector naval, consideran “moi complicado poder conservar todos os postos de traballo durante seis meses”. Por iso, estas empresas ven con preocupación a posibilidade de ter que facer fronte a sancións por parte da autoridade laboral e á devolución de prestacións e cotizacións en caso de incumprimento, algo que agravaría aínda máis a súa “delicada situación”.
Neste sentido, a Asociación de Empresas do Sector Naval Público demanda que se reconsidere esa esixencia de mantemento do emprego durante medio ano a partir do levantamento do estado de alarma ou, en todo caso, que se determine unha excepcionalidade no caso da industria auxiliar para os estaleiros da ría de Ferrol pola súa “especial situación” en canto a carga de traballo.
Paralelamente, solicitan que “estes ERTE poidan prolongarse unha vez que finalice o estado de alarma e ata que se recupere o 100% da actividade”.
Contratos pendentes
No que se refire a carga de traballo actual, Navantia está na recta final do primeiro AOR (buque de aprovisionamento) para a Mariña australiana, con moi poucos traballadores, mentres que o segundo garantiría carga de traballo para seis meses. Na sección de reparacións, a de maior eventualidade, perdéronse moitos contratos e hai “unha gran incerteza con respecto ao futuro”.
Por estes motivos a asociación pide que se adopten medidas para fomentar contratación de barcos para reparación e para garantir carga de traballo a longo prazo.
Discussion about this post