O Concello de Ferrol constituíu onte martes 8 de setembro o Consello Escolar, integrado por representantes dos grupos municipais, das asociación de veciños e da comunidade educativa. O concelleiro de Educación, Antonio Golpe, presidiu a sesión, na que se abordaron os asuntos de interese de cara ao inicio do curso.
Tamén se estableceu que o novo organismo se reunirá ao menos cada tres meses, aínda que se os de carácter extraordinario con motivo da situación xerada pola Covid-19, tal e como explicou o edil.
Comedores seguros
Na sesión de onte tratáronse as medidas adoptadas polo Concello de Ferrol de cara ao comezo das clases, como a posta en marcha de «comedores seguros».
Neste senso, Golpe apuntou que o goberno local vai reforzar o persoal nos comedores dos CEIP de Ferrol e, ademais, a pesar de que o servizo de comedor remata ás 15.30 horas, o Concello abrirá a posibilidade de que os nenos permanezan no centro ata as 16. 00 horas se fora preciso tendo en conta que non haberá actividades extraescolares.
Entre outras medidas, os usuarios poderán prescindir da máscara de uso obrigatorio exclusivamente no momento da inxesta dos alimentos. Unha vez finalizado o tempo previsto para almorzar ou comer, volverán poñela de novo. Este uso tamén será obrigatorio se algún usuario ten que levantarse do seu sitio asignado. Pola súa banda, o persoal encargado do servizo non poderá retirala en ningún momento, e serán os encargados de limpar e desinfectar as instalacións empregadas.
Pendentes das accións do Consello Escolar de Galicia
O Concello está moi pendente das medidas que se adopten no Consello Escolar de Galicia, que se reúne hoxe mesmo, así como dos cambios que se poidan determinar por parte do novo conselleiro de Educación.
Tamén apuntou que o Concello, a través da concellería de Educación, vén traballando coas direccións dos CEIP desde hai dous meses a través de cuestionarios individuais sobre as súas necesidades e intereses, así como dos espazos que cada centro posúe para servir os almorzos e xantares ademais dos propios comedores. Así, procurarase contar con distancia suficiente para prestar os servizos.
Reforzo da limpeza e desinfección nos centros escolares
FInalmente, dende a casa consistorial elaborouse un plan para reforzar os traballos de limpeza e desinfección dos centros escolares que garante que este servizo tamén estará operativo durante a mañá. Deste modo, reforzaranse os labores nos centros mediante a reorganización do servizo da empresa adxudicataria e activando a súa bolsa de horas.
Dito plan proporciona traballos de limpeza e desinfección nas aulas tanto pola mañá como pola tarde. «A protección dos nosos escolares é a nosa máxima prioridade, este equipo de goberno está a poñer todos os medios dos que dispoñemos para proporcionar espazos seguros aos pequenos», explicou o voceiro municipal, Julián Reina.