Será este un Pantín Classic diferente, con uso obrigatorio da máscara, aforo reducido e estrictos protocolos de seguridade. Porén, o que se manterá invariable será a súa esencia, o extraordinario espectáculo que nos brindarán os surfistas sobre as súas táboas na fábrica de olas, segundo nome da praia do Rodo.
Este ano cheo de imprevistos achegaranos a competición deportiva a Pantín do 15 ao 23 de agosto e tanto a organización como o Concello de Valdoviño levan meses traballando da man para conseguir o seu principal obxectivo de cara ao 2020: cumprir a máxima de Pantín, destino seguro para o deporte e o turismo, e manter un certame enraizado no municipio con 32 anos de historia.
Esta mañá a Casa da Cultura acollía a última reunión de traballo entre varios membros organizadores do certame e persoal do Concello para abordabar as medidas en materia de seguridade, así como o plan de autoprotección, axustado á normativa requerida pola Consellería de Sanidade e esixida polo Concello.
Rexistro previo e outras medidas de seguridade
Explicaban que nesta edición o aforo reducirase ao máximo, establecendo un férreo sistema de control dos accesos. Así, cada persoa que desexe tomar parte no evento deberá rexistrarse previamente cubrindo un sinxelo formulario na páxina web do Pantín Classic –www.classicsurfpro.com-. O usuario recibirá un código QR que deberá presentar no móbil -ou impreso-, vixente para todos os días de celebración sempre e cando o aforo non esté completo.
Nesta liña, cada espazo interior contará coa súa limitación de aforo, uso obrigatorio da máscara e medios de desinfección. Ademais, en todo momento a organización informará a través de megafonía das normas de uso e protocolos de actuación, e esas liñas de intervención poderán consultarse na páxina web www.classicsurfpro.com.
O dispositivo de seguridade contará coa participación de Policía Local, Garda Civil e Protección Civil e, nesta edición, a organización limitará os horarios do evento, concluíndo cada xornada co peche da competición non máis aló das 21.30 horas. Deste xeito, non haberá concertos nin accións nocturnas que poidan invitar á xente a baixar a garda fronte ao COVID-19.
Respecto ao estacionamento habilitaranse tres puntos en terreos cedidos por veciños e veciñas de Pantín. Un xesto que organización e Concello quixeron agradecer e pór en valor. En todo caso, este ano non se restou nin unha soa praza de estacionamento, co que se considera que este non será un problema. Ademais a empresa concesionaria do servizo de transporte público Monbús activaba unha liña á praia do Rodo, que se prevé favoreza os desprazamentos sen recurrir ao
vehículo particular.
Por último, organización e Concello insistiron no cumprimento extricto dos protocolos de prevención e tamén fixeron unha chamada á responsabilidade individual para seguilos e, así, aúnando esforzos, desfrutar con seguridade do Pantín Classic un ano máis.