O paseo marítimo de Neda acollerá este domingo o primeiro espectáculo que a nova entrega do Festival Teatral de Entes Animados -FESTEA- deixará na vila. Teatro Arbolé presentará no municipio os seus «Títeres de cachiporra», unha función baseada nos tradicionais bonecos de luva do teatro de monicreques.
A veterana compañía aragonesa estará en Ferrolterra coa súa barraca, que esconde un auténtico teatro ambulante, para amosar a súa aposta pola versión máis clásica do teatro de marionetas e na que resulta clave a participación e o diálogo co público e o ritmo frenético dos bonecos.
O espectáculo céntrase nas múltiples aventuras de Pelegrín, un personaxe que leva máis de tres décadas divertindo a distintas xeracións e que, a pesar de ser «un antihéroe» consegue coa súa astucia saír airoso das circunstancias máis difíciles.
Para asistir ao espectáculo, que terá lugar o domingo 23 de agosto ás 12.30 horas na zona do albergue de peregrinos, será preciso reservar entrada. Haberá que facelo na Casa da Cultura ou a través do teléfono 981 39 02 33 ata o venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas. A reserva debe realizala unha persoa adulta, achegando o DNI e os datos de contacto. E durante a función, será obrigatorio o uso de mascarilla e gardaranse as distancias de seguridade, tentando, iso si, agrupar ás familias e grupos de amigos.
«Títeres de cachiporra» será o primeiro dos dous espectáculos que, no marco de Festea, que dirixe Plamen Dipchikov, representante da Asociación Titerario, e organizan conxuntamente os concellos de Neda, Ares e Ferrol, programaranse en terras nedenses. O segundo será «The Puppet Circus» que a compañía Alauta Teatro poñerá en escena no campo da feira de Albarón o día 30, tamén ás 12.30 horas.