O patrulleiro de altura «Serviola» sairá á mar mañá sábado 18 de xullo para integrarse no Mando de Vixilancia e Seguridade Marítima -MVSM-, baixo control operativo do Mando de Operacións. O buque da Armada terá como misión a implementación do control dos espazos marítimos de soberanía e interese nacional no estreito de Xibraltar e no mar de Alborán.
A pesar da situación provocada pola crise sanitaria da Covid-19, as Forzas Armadas, e a Armada en particular, continúan traballando de maneira constante para garantir a seguridade e protección dos espazos marítimos de interese nacional dentro da acción do Estado na mar, xa sexa en operacións no exterior ou patrullando augas nacionais.
O Mando de Vixilancia e Seguridade Marítima
O MVSM é o órgano da estrutura operativa das Forzas Armadas responsable do plan, condución e seguimento das operacións de vixilancia e seguridade dos espazos marítimos de soberanía, responsabilidade e interese nacional. O MVSM está ao mando do Almirante de Acción Marítima da Armada Española. Entre as funcións do MVSM, destacan o plan, a condución e o seguimento das operacións de vixilancia e seguridade dos espazos marítimos españois, que o Xefe de Estado Maior da Defensa estableza.
Como parte da súa misión de vixilancia e seguridade marítima dentro das operacións permanentes das Forzas Armadas, correspóndelles aos buques da Armada monitorar a actividade marítima para contribuír ao coñecemento da contorna marítima na área de operacións asignada.
Achega do patrulleiro «Serviola»
O patrulleiro de altura «Serviola» é o primeiro dunha serie de catro patrulleiros construídos para a Armada nos Estaleiros da antiga Empresa Nacional Bazán -hoxe Navantia- de Ferrol, a principios dos anos 90. O buque foi botado en 1990 e entregado á Armada o 2 de outubro de 1992. Ten unha eslora de 68,65 metros e unha manga de 10,40 metros.
O buque está encadrado na Forza de Acción Marítima, cuxo mando orgánico é o Comandante das Unidades da Forza de Acción Marítima en Ferrol. O «Serviola» ten a súa base no Arsenal Militar de Ferrol.
As súas principais misións son as operacións de seguridade marítima e de seguridade cooperativa. Está especificamente equipado para exercer a soberanía e protección dos intereses nacionais na Zona Económica Exclusiva -ZEE-, cuxo límite se estende ata as 200 millas. Para iso conta cunha elevada autonomía máis de 8000 millas- e capacidade para manter prolongados períodos de permanencia na mar -máis de 30 días-.
O buque está ao mando do Capitán de Corveta Francisco Delgado Urrutia. A súa dotación consta de 6 Oficiais, 9 Suboficiais, e 21 militares pertencentes á escala de Tropa e Mariñeiría. Para esta patrulla embarcou un equipo operativo de seguridade composto por 7 Infantes de Mariña destinados no Terzo Norte.