Esta mañá tivo lugar no pazo municipal a comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico na que presentou aos grupos da oposición a proposta de aprobación do convenio co Consorcio de Benestar Social do programa «Xantar na Casa». Votaron a favor PSOE, PP e FeC e o grupo municipal do BNG reservouse o seu voto para o pleno da próxima semana, cando se someterá a votación da corporación municipal.
Trátase dun programa que permite cubrir as necesidades básicas de alimentación de persoas maiores ou dependentes da cidade, que requiren axuda para a preparación da comida, proporcionándolles unha atención adaptada as súas necesidades. Tal e como explicou a concelleira, o novo convenio triplica o número de prazas ao pasar de 15 a 45, polo que Ferrol contará cunha prestación de calidade co fin de coidar dos veciños máis vulnerables.
Xestións para eliminar a lista de esper
O pasado mes de xuño o mencionado programa tiña unha lista de espera que ascendía a 22 persoas, polo que desde a respectiva área mantívose unha reunión co xerente do Consorcio para abordar a posibilidade de incorporar esas prazas ás 15 contempladas no convenio existente nese momento co fin de non deixar a ninguén fora do servizo.Unha vez rematado o anterior convenio, o novo que a edil levará ao próximo pleno non só mantén esas 37 prazas senón que incorpora outras oito, ata alcanzar as 45. O convenio terá unha duración de catro anos con posibilidade de prórroga de ata outros catro en función da demanda.
Proporcionar alimentación os sete días da semana
O programa Xantar na Casa garante a entrega no domicilio do xantar para os sete días da semana. Os menús, tal e como recolle o convenio, serán completos, equilibrados, variados e adaptados ás necesidades, gustos e hábitos dos usuarios. Ademais, estarán supervisados por especialistas en nutrición.
Entre outros beneficios, o programa proporciona aos usuarios unha alimentación nutritiva atendendo os casos de xeito individualizado, evita o deterioro da calidade de vida das persoas maiores ou dependentes, prevé situacións de risco que se poidan producir no proceso de elaboración da comida, supón un apoio á conciliación familiar e permite facer un seguimento e acompañamento individualizado de cada usuario.
O custo máximo do servizo de xantar será de 7,5 euros por persoa e día. Desta cantidade a persoa beneficiaria achegará o 26,67 %, o Concello a mesma cantidade e o Consorcio o 46,66 % restante.