O proxecto do Cabo Ortegal defende a súa candidatura perante a Comisión estatal de cooperación coa UNESCO

Nunha reunión de máis de dúas horas os principais representantes amosaron o traballo feito ata agora para poder conseguir o selo internacional de Xeoparque

A Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal presentoulle este martes por videoconferencia os principais contidos do proxecto á Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, organismo que terá que elixir a candidatura ou candidaturas que continuarán na súa carreira para obter o cobizado selo internacional.

A documentación técnica enviouse hai case un mes, pero onte tocou sintetizala en pouco máis dun cuarto de hora perante a comisión o traballo que se leva feito desde 2013, unha idea á que en 2015 se sumarían as administracións locais de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, seguidas posteriormente da Deputación da Coruña e da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, xestora do produto turístico Ferrolterra-Rías Altas.

Máis de dúas horas de reunión

Na reunión virtual coa Comisión participaron como poñentes o xeógrafo e axente de Desenvolvemento local Ignacio Fernández, o Director Científico do proxecto, Francisco Canosa, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, presidenta de quenda da asociación xestora do proxecto no momento de preparar a candidatura. Canda ela e os dous técnicos tamén estiveron o alcalde de Cerdido, Benigno Galego, e o rexedor e maila concelleira de Turismo de Cedeira, Pablo Moreda e Carmela Prieto.

Ademais, desde Santiago conectouse a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen expresou o apoio do seu departamento á iniciativa, algo que a Xunta xa fixera por carta e que é preceptivo para que as candidaturas sexan admitidas neste proceso selectivo con tres propostas sobre da mesa: a do Cabo Ortegal e as cántabras da Costa Quebrada e Valles de Cantabria. Destas tres só poderán pasar á seguinte fase dúas como máximo.

“Intentamos plasmar na presentación todos os contidos do dossier para que visen que o proxecto é visen cal é algo que vivimos, no que estamos involucrados e no que tamén colaboran as administracións”, explica o xeólogo Francisco Canosa.

Xeoparque de Cabo Ortegal, único no mundo

Canosa recalcou a característica de “única” da zona do proxecto, con 108 lugares de interese xeolóxico e recursos que ou son exclusivos ou se poden atopar en poucas partes do mundo, como por exemplo a praia de areas negras de Teixidelo, os cantís de Herbeira, os afloramentos de rochas ecloxitas, as canteiras de toelo ou os espeleotemas das minas de cobre.

Canosa fixo unha descrición puramente xeolóxica do proxecto, mentres que Ignacio Fernández fixo unha contextualización xeográfica e socioeconómica do territorio, así como do seu potencial de desenvolvemento vencellado á figura dun xeoparque.

A alcaldesa de Moeche mostrouse satisfeita co resultado da presentación e a prudencia do momento non lle quita de ser optimista: “A impresión é boa. A nosa candidatura desde o punto de vista xeolóxico é moi forte, é a peza que falta nos xeoparques. O importante é saber transmitir ben o traballo que se leva feito”.

Global Geoparks

O Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques é o órgano que ten a última palabra na asignación do distintivo, previa avaliación sobre o terreo -posiblemente a partir do verán de 2021- de todas as accións levadas a cabo polas candidaturas.

Desde o proxecto do territorio do Cabo Ortegal vese a obtención do selo Global Geoparks -algo que só ostentan 161 territorios en todo o mundo- como unha oportunidade de ouro. Ademais, a irrupción da Covid-19 trouxo aparellado un repunte do turismo cara ao próximo polo que, segundo asegura Beatriz Bascoy, debe aproveitarse “para que a xente coñeza o territorio e valore o que pode ser o xeoparque”.

Salir de la versión móvil