García MC é un referente como coach no mundo adolescente. É músico de rap cofundador de iniciativas como Dios Que Te Crew ou Nación Quilombo,e dende o 2004 o artista realiza obradoiros de cultura Hip Hop e rimas en galego cun grande impacto en varias xeracións.
No concerto didáctico deste venres en Fene -CCRD de Perlío, 21.30 horas-, García MC fará un repaso, xunto con un Dj de hip hop de prestixio, pola historia do rap na nosa lingua: dende o pre-rap dos Resentidos ou Charly J até Dios Que Te Crew, chegando ao panorama actual de rap en galego con ducias de propostas de toda Galicia.
As entradas para asistir ao espectáculo poranse a disposición do público este martes 29 de setembro ás 9.00 horas na páxina de Ataquilla (https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/). Serán gratuítas pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases -rexistrando os datos das dúas persoas que acudirán ao espectáculo- até completar o aforo que, neste caso, ascende a 20 persoas.
Programación do Festival das Ondas Urbanas 2020
Tralo concerto de García MC do venres, o sábado 3 de outubro actuarán na Praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das 20 horas o grupo Street Dance Presto Vivace e, a continuación o mesmo día, a cantante Wöyza. Ámbalas dúas actuacións desenvolveranse baixo carpa e con aforo limitado a 146 persoas.
Por outra banda, dende a organización recomendan aos/ás asistentes acceder aos espectáculos con media hora de antelación á hora fixada para o seu comezo xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo dos mesmos.
Estritas medidas anti-Covid
A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Ademais, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso ao recinto.
En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans e que o uso da máscara será obrigatorio en todos os espectáculos. Ademais, non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización.
Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización..