O próximo venres ás 12.00 horas entrará en vigor a nova regulación de estacionamento nas praias de Ferrol, que afectará ás zonas específicas de aparcamento de Ponzos, Sartaña, Santa Comba, A Fragata, Esmelle e Doniños. En todas elas establecerase unha limitación de seis horas ao día para cada vehículo, pero o aparcamento seguirá sendo de carácter gratuíto.
Excepcionalidade en Doniños
A pesar de que a medida aplicarase tamén en Doniños, unha parte das prazas -as arredor de 400 situadas máis próximas ao acceso norte ao areal-, quedarán baixo esa limitación horaria. No resto, unhas 300, repartidas entre a marxe da estrada e o outro lado dela, haberá total liberdade horaria.
Ademais, queda establecida unha área específica na que só poderán aparcar autocaravanas e similares e na que haberá arredor de 40 prazas. Así, este tipo de vehículos terán a opción de seguir empregando as zonas nas que se establece o límite de seis horas, pero deberán respectalo, mentres que na área habilitada para eles poderán permanecer sen limitación temporal. Esta praza específica sitúase xunto á parada de autobús máis próxima a Vilar.
Unha iniciativa moi solicitada
Esta regulación da resposta ás demandas dos usuarios que, por unha banda, esixían rotación de estacionamento nas praias e, por outra, a delimitación de zonas nas que as autocaravanas puideran permanecer de forma continuada. Os condutores que a partir do venres desexen estacionar nos lugares con limitación horaria deberán ter en conta que só o poderán facer durante un máximo de seis horas. Se dentro do mesmo día queren volver aparcar e superar ese período, terán que facelo, como mínimo, a unha distancia de 250 metros respecto do primeiro punto no que deixaron o seu vehículo. Con esta obriga quérese facilitar unha certa rotación nas prazas dispoñibles.